Site icon Crónica3.com A Mariña

Iniciación a informática e charlas sobre TDT actividades para setembro en Ribadeo

RIBADEO (FNC).- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello de Ribadeo, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de setembro en Ribadeo. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

* “Iniciación á Informática”: con este obradoiro os/as usuarios/as serán capaces de manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas…) e funcionalidades básicas que ofrece un computador. Desenvolverase do mércores 9 ao 23 de setembro en horario de 10 a 11 horas.
* “Iniciación a Internet”: os/as usuarios/as con este obradoiro serán capaces de empregar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet. Realizarase do día 24 ao 30 de setembro desde as 10 ás 11 horas.
* “Mecanografía”: con este obradoiro preténdese que os/as usuarios/as sexan capaces de escribir con tódolos dedos e sen mirar ao teclado do computador. Terá lugar todos os venres do mes, do 4 ao 25 cos membros da Asociación “A Mariña” de Ribadeo, en horario de 11 a 12:30 horas.

Asemade, está prevista a realización da charla “Coñecemento da Televisión Dixital Terrestre- TDT”. Esta, que terá lugar o día 25, ás 10 horas na Aula de Dinamización de Ribadeo, consistirá en dar a coñecer o que é a TDT, o seu funcionamento e as súas vantaxes.

O prazo de inscrición para estas actividades será do 3 ao 17 de setembro.

A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Ribadeo, sito na rúa Antonio Otero, 15, 2º andar, chamar ao teléfono 982.120.732 ou mandar un correo electrónico ao enderezo mariacarmen.ribadeo@sociedadedainformacion.eu.

Exit mobile version