Nota de Prensa
A deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao resaltou hoxe na Comisión de Agricultura que os “tics intervencionistas” do anterior Goberno autonómico provocaron que non se alcanzaran os obxectivos previstos
O PARLAMENTO INSTA Á XUNTA, POR PROPOSTA DO PPdeG A ELIMINAR AS CONDICIÓNS DE TANTEO E RETRACTO DO BANCO DE TERRAS DE GALICIA PARA DAR AXILIDADE AOS ARRENDAMENTOS
Santiago, 30 de setembro de 2009.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei presentada polo PPdeG que insta á Xunta a eliminar as condicións de tanteo e retracto do Banco de Terras de Galicia, de xeito que se dea axilidade aos arrendamentos.
Na defensa da iniciativa, a deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao centrou o obxectivo da proposta en intentar “aumentar a base territorial dos gandeiros e agricultores galegos que incide directamente na redución de custos das explotacións”. Nese sentido, salientou que o Banco de Terras “é un instrumento útil e imprescindible para mellorar a calidade de vida de gandeiros e agriculturores”, xa que permite a obtención “de máis base territorial para explotacións” e solventa, ademais, “un problema estructural de Galicia e dos sectores produtivos no noso rural”.
Sen embargo, Álvarez Chao resaltou que os “tics intervencionistas” do anterior Goberno autonómico provocaron que non se alcanzaran os obxectivos previstos, quedando moi lonxe da pretensión da anterior Consellería de Medio Rural de incorporar 100.000 hectáreas ao Banco de Terras. Así, explicou, o feito de que a Administración se reserve o dereito de tanteo e retracto “fai que os propietarios retrocedan á hora de arrendar e teñan temor destas medidas”. Para a deputada popular “hai que considerar a desproporción existente entre os pros e contras de manter estas prerrogativas, tendo en conta que, chegado o caso, a propia Administración podería facerse coa leira en cuestión mesmo mediante a correspondente expropiación”.
Así, a iniciativa do Grupo Popular pretende que o Banco de Terras non sexa visto polos cidadáns como un obstáculo, “senón como un medio de apoio a través da facilitación de terreos para a súa explotación, que redunde na posta en valor do campo galego”. Pero, para iso, é necesario que ese instrumento “dea axilidade ao campo” e ese é o obxectivo de instar á Xunta a que suprima o dereito de tanteo ou retracto, de xeito que se axilice o proceso de arrendamento a través do Banco de Terras.