Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez asegura que as obras da travesía de Ribadeo serán das máis importantes e ambiciosas

RIBADEO (FNC) .-  O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que “o asunto importante é que o pleno extraordinario de onte correxiu un erro nas bases de contratación nestas importantes obras de mellora da travesía urbana de Ribadeo que se van acometer nos próximos tempos, unha das máis importantes, máis ambiciosas e máis custosas obras das que se teñen feito aquí en Ribadeo. Debido a un erro na confección das bases polo propio arquitecto que logo advertiu dese erro e que o informou por escrito, os niveles de clasificación que se lles requerían ás empresas que puideran participar eran desproporcionados para o tipo de obra que é, e deste xeito se isto seguira así só poderían presentarse aquelas grandes empresas e dende logo ningunha delas teñen radicación no noso territorio nin na nosa comarca.  Entendemos, entendeu o pleno, que arranxado este erro se favorece a competencia para que poidan participar máis e que a mellor sexa a que leve a obra”.
O rexedor engade que “logo despois, lamentablemente unha parte da Corporación, concretamente, estes dous grupos que últimamente están facendo guerra de calquera cousa para facerse notar, tanto PSOE como UPRI, abandoaron o salón de plenos antes de debatir este asunto por unha cuestión protocolaria. Documentaron que a bandeira galega estaba no centro e que non debería estar así, senón que debía estar noutro lado. Aquí no Concello de Ribadeo, a verdade é que non sempre se colocan da mesma maneira, de feito por poñer un exemplo, na toma de posesión do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as bandeiras estaban ubicadas igual que onte estaban no salón de plenos do Concello de Ribadeo e que tanto molestou a PSOE e a UPRI, pero por poñer outro exemplo, na fachada da Casa do Concello están colocadas doutra maneira, é dicir como queren os grupos da oposición que abandonaron onte o pleno”. Suárez Barcia cre que “éste non é motivo para protagonizar este tipo de incidentes, o que pasa que da a sensación de que os concelleiros de PSOE e de UPRI tan só queren crear polémica continuamente, crispar a vida municipal incluso con asuntos de escasa transcendencia”.
O rexedor ribadense insiste en que “o importante do pleno foi que se aprobou a modificación que había que facer para que empresas da comarca, do concello e do entorno poidan participar tamén neste concurso, e en todo caso que a mellor delas, segundo o informe técnico e segundo o que acorde o pleno logo no seu momento, sexa que leve esta obra tan importante para Ribadeo”.

Exit mobile version