Sorprende ver as normativas e bandos municipais que existen ao respecto que utilizan unha linguaxe absolutamente trasnoitada que recorda ao usado durante os corenta anos célebres e se non me creen lean, lean.
Nas Palmas reza asi: “protexer a saúde pública, a integridade física e seguridade das vidas humanas e o medio, asi como conseguir unha mellora da imaxe pública da cidade”
Menos lobos e vaiamos por partes. “protexer a saúde pública”: Explíquemo por favor. Agora resulta que estar en bólas é unha especie de virus que se transmite. Noutros tempos a homosexualidade tamén se consideraba que atentaba contra a saúde pública e contaxiábase. A ver se é unha errata e non será que o que queren é protexer a “saúde púbica” pola merda que hai nas praias e que o concello de turno non recolle?
“a integridade física e seguridade das vidas humanas”: Iso é, os nudistas liámonos a ostias co primeiro téxtil que entra nunha praia nudista e se non pasen pola praia dos alemáns na Areoura e miren como lles tiramos pedras aos miróns ou curiosos que pasan do outro lado para ver, supoño as mamas e os nosos órganos reproductivos de valde.
Ou é que o que queren é protexer pederastas e miróns de nenos nus? Porque habelos hai os e aseguro que ao primeiro que vexa mirando lascivamente a un dos meus netos se come o pau da sombrilla. O que pasa é que isto é incongruente, un pederasta non é un humano, simple e chairamente é un fillo de puta, que como din os de Muchachada Nui é máis global.
“Mellora da imaxe pública”: Está ben, procedamos entón a tapar paneis publicitarios, secuestremos a portada de Entrevista e retiremos da venda aqueles exemplares colgados nos kioskos.
Hoxe, sábado primeiro de Setembro, leo encol deste asunto e cal é a miña sorpresa cando entra en escena a curiosa asociación “hazte Oir” que ademais de ser belixerante co asunto do aborto (nada teño que dicir ao respecto, aliquis canis pijus lamis) avoga polas praias familiares. Non se se vostedes coñecen algún lugar máis familiar que unha praia. Isto que significa? Porque eu vou a unha praia coa miña familia, ou é que se se está en pelotas perdes a condición de familia? Se afondamos un pouco no asunto chegamos á clave de todo. Segundo “hazte Oir” unha praia familiar é:
“Unha praia onde se establezan unhas normas que garantan uns mínimas de decoro e respecto aos demais, especialmente á infancia, nestes espazos públicos destinados ás familias”.
Acabaramos, a clave é o decoro. Segundo A RAE o decoro é “Honra, respecto, reverencia que se debe a unha persoa polo seu nacemento ou dignidade” e que eu saiba nacemos en bólas e ver un corpo nu só atenta contra a dignidade das mentes calenturientas que seguen vendo o demo en forma de xenitais. Volvamos pois aos traxes de baño de colo alto que se usaban a principios do século XX nas praias, non sexa que algunha criatura descubra que o que o ou ela ten entre as pernas poida sufrir algún tipo de cambio involuntario e vaia arder nos lumes eternos ao mirar o do outro ou a outra. A próxima vez que vaia a unha praia nudista estarei atento non sexa que alguén de “hazte Oir” veña pola praia cunhas tesoiras como o facía o Padre Villaescusa en “O Rei Pasmado” de Imanol Uribe, correndo crucifixo en man polos corredores Do escorial porque o Rei quería ver a Raíña nua. Por certo non se perdan os comentarios absolutamente antolóxicos da referencia á noticia da prohibición do nudismo en Cádiz donde por certo goberna unha rubia santanderina do PP de toda a vida e de Nome carnabalesco TEOFILA”
“O que se pretende, sen entrar en modas da industria téxtil, é que se respecte nos espazos publicos, como o son as praias e as piscinas públicas, a liberdade das persoas e familias que non desexen ver invadido o seu espazo visual por suxeitos que exhiban os seus xenitais
En definitiva que se reserven espazos públicos en praias e piscinas para o uso da indumentaria axeitada, que á marxe das modas, é o traxe de baño.
O certo é que a reivindación da nudez na praia tamén é unha moda, moda pasaxeira e froito dunha concreta ideoloxía, que xa está a ser superada en paises que nos leva a dianteira.
España, no seu retroceso histórico actualmente potenciado como consecuencia da influencia mediática e lexislativa do goberno que padecemos, sofre en rexurdir destas modas, pero organizacións sociais non expostas ao adoutrinamento ideoloxico das correntes de pensamento amparadas pola ideoloxía que hoxe detén o poder, resisten con sentido común e representan a vangarda que realmente nos irmanda coas corrietes máis avanzadas de Europa e, en xeral, da civilización occidental.
Estar en pelotas nun espazo público non é ningún avance, se así o fose en breve tendrimaos que asistir que a xente fose ao seu traballo en coiros ou con taparrabos como en tribos indixenas ou na prehistoria, ou que un socrrista de praia puidese exercer a súa función en pelotas. Algo totalmente absurdo e superado pola evolución e progreso social”.
Sin comentarios, xa esta dito todo e o peixe vendido. Dito todo o anterior, habería que desmitificar o problema porque non hai tal problema. Todo aquel que estivese nunha praia nudista sabe que en moitas familias hai integrantes que realizan un nu integral e outros, xeralmente as señoras, déixanse posta a parte de abaixo do bikini. Alí ninguén obriga a ninguén a facer nada e en xeral conviven téxtiles e naturistas sen maior problema, volto a remitilos as nosas prias dos alemans, Caolin, Portonovo e algunha mais neste Cantabrico galego.
Outro aspecto importante é o turismo. Para todos estes luces que pretenden encumbrar o decoro nas praias, dicirlles que o turismo nudista move moito diñeiro. En Croacia por exemplo, o turismo nudista supón o 25% dos ingresos de divisas por este concepto, en Francia o turismo naturista produce 5.5 millóns de pernoctacións e supón 4.000 empregos directos . En España vivimos en gran parte do turismo, e asegúrolles que o turismo naturista é máis rendible que o procesional.
Por favor, deixemos que a xente viva tranquila e que se bañe en bólas ou como lle da gana e esquezámonos xa dos bañadores con faldita.