Site icon Crónica3.com A Mariña

Empeza a tempada deportiva en Burela coa apertura do prazo de inscrición

BURELA (FNC) .- A delegada de Deportes, Neves Cando, anunciou que o vindeiro luns 7 de setembro ábrese o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas que organiza o Concello e que o curso comezará o seguinte luns, día 14.

A edil nacionalista explicou que “por terceiro ano consecutivo botamos a andar desde a Delegación de Deportes, as escolas deportivas municipais, e coma na tempada pasada, continuamos cos convenios que asinamos cos clubes de Burela, o de baloncesto, a Sociedade Deportiva Burela e o Burela Fútbol Sala, para desenvolver estes tres deportes. As inscricións destas tres especialidades deben facerse nos propios clubes”.

Neves Cando subliñou que “ademais disto, ofrecemos para tódolos públicos actividades como patinaxe, tenis, tenis de mesa, bádminton, aeróbic, ximnasia de mantemento e xogos tradicionais. Para todas estas actividades o prazo de inscrición comeza o vindeiro luns 7 de setembro, e poderáse facer na Casa do Concello, na Biblioteca Municipal e na Casa da Xuventude. A actividade deportiva comezará o seguinte luns, 14 de setembro e estenderase ata finais de maio, ata o día 28”. A responsable de Deportes sinalou que “posteriormente a partires do 1 de outubro nos dous colexios de primaria do noso concello remataremos a oferta destas escolas deportivas municipais coas actividades para os máis pequenos dos propios centros educativos”.

Cando engadiu que “todos os equipos interesados en participar nas ligas de fútbol sala locais e de veteranos organizadas polo Concello de Burela xa poden poñerse en contacto con nós para inscribirse de cara a esta nova tempada”.

Exit mobile version