Site icon Crónica3.com A Mariña

Charlas e obradoiros tecnolóxicos nas actividades da RDSI en O Vicedo

O VICEDEO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI), en colaboración co concello do Vicedo, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de setembro nesta localidade. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

* Obradoiro de “Iniciación á Informática: Linux”. Con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas …) e funcionalidades básicas que ofrece un computador. De luns a venres do día 21 até o 30 de 10 a 11 horas.
* Obradoiro de “Iniciación a Internet”. Aprende a navegar e utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet. De luns a venres do día 21 ao 30 das 11 a 12 horas.
* Obradoiro de “Manexo dunha camara dixital”. Nel ensinarase cómo empregar correctamente unha cámara dixital para facer fotografías de calidade e pasalas ao computador. Do luns 28 ao mércores 30 das 14 as 15 horas.

Ademais dos obradoiros, desenvolveranse tamén dúas charlas: “Memoria dos Oficios” e “Memoria de Muller”. Nestas presentaranse ambos proxectos da Rede de Dinamización ás asociacións e persoas interesadas en participar neles. A charla de Memoria de Muller será o día 16 ás 12 horas e a de Memoria dos Oficios o día 17 ás 12 horas.

O prazo de inscrición para estas actividades será do día anterior ao comezo da actividade.

A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización do Vicedo, sito no baixo da casa da cultura, chamar ao teléfono 982.590.195 ou mandar un correo electrónico ao enderezo Tedy.ovicedo@dinamiza.fundacioncalidade.org.

Exit mobile version