Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo recibe a primeira parella de noivos procedentes do Cervo italiano

CERVO .- Danilo Desiglioli e Germana Grossi, a primeira parella en contraer matrimonio no concello italiano de Cervo serán recibidos na mañá de hoxe polo Alcalde, Alfonso Villares na Casa do Concello. Esta cita forma parte dun variado programa de actividades co que foron agraciados os noivos na súa visita ao noso termo municipal. Tras o recibimento o rexedor acompañará e amosará ao novo matrimonio as instalacións da Casa Consistorial.

Os afortunados aproveitarán a súa estancia para coñecer os espazos turísticos máis relevantes e a grande riqueza cultural e paisaxística das Terras de Azul Cobalto. Así por exemplo está previsto que visiten o Paseo dos Namorados, a Cerámica de Sargadelos, e os principais areais de San Ciprián. Tamén poderán degustar pratos típicos da nosa terra na xantar previsto no Restaurante O Almacén. Os noivos recentemente casados están hospedados no Hotel Rural Anatur, sito na Praza do Souto.

INICIATIVA NO MARCO DO IRMANDAMENTO

O pasado ano, con ocasión da visita da delegación de veciños do noso concello ao municipio irmán de Cervo, in Liguria (Italia), acordouse poñer en marcha unha orixinal iniciativa que consistía en que a primeira parella de cada un dos dous concellos que contraera matrimonio cada ano (fora civil ou relixioso) sería convidada a tres días de estancia no concello do mesmo nome. Segundo explica Alfonso Villares, “esta idea persegue potenciar o vínculo iniciado hai anos entre os dous concellos irmandados”.

Nas pasadas datas os veciños do Cervo galego Juan Carlos López e Mónica Pita viaxaron ata o municipio italiano onde foron recibidos no Consistorio e puideron coñecer a gastronomía e a grande beleza deste concello transalpino. Agora é a quenda do novo matrimonio italiano que prolongarán a súa estancia ata o sábado 12 de setembro.

Exit mobile version