Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela pon en marcha unha escola de nais e pais para axudar na educación dos fillos

BURELA (FNC) .- A Delegación de Benestar Social do Concello de Burela pon en marcha unha escola de nais e pais co fin de dotar aos seus participantes de capacidades e habilidades axeitadas para unha boa educación dos seus fillos e fillas menores de idade. O curso desenvolverase dende outubro ata abril do ano que vén e tódolos interesados poden matricularse a partires do vindeiro luns, 14 de setembro.

A concelleira de Benestar, Neves Cando, explicou que “dende o servizo de educación familiar da Delegación de Benestar Social estase traballando de forma estable con aproximadamente 30 familias con fillos e fillas menores de idade en situación de risco ou con problemáticas de diferentes tipos como poden ser, problemas de comunicación e convivencia, ausencia de hábitos de vida saudables, etc, e a través da coordinación con outros servicios de Burela como son os centros educativos, os centros de saúde ou a unidade de drogodependencias observamos que existen determinadas necesidades nas familias que poderían tratar de solventarse a través dunha formación e orientación axeitadas. Por todo isto, decidimos crear, para este curso escolar 2009-2010, unha escola de nais e pais entendida como un espazo educativo de reflexión e intercambio de experiencias familiares”.

A edil nacionalista sinalou que “desta maneira, creamos un proxecto a medio prazo dirixido tanto ás familias que presentan necesidades específicas como a todas aquelas que por outros motivos consideren axeitado recibir formación e asesoramento sobre a educación dos seus fillos e fillas. Trataremos de adaptar os contidos e as metodoloxías desta escola ás necesidades e intereses das familias que participen co fin de dotalas das ferramentas necesarias para desenvolver de forma axeitada a súa labor socializadora cos seus fillos e fillas”.

Neves Cando suliñou que “dous son os obxectivos básicos que pretendemos con esta escola de nais e pais que son, proporcionar ás persoas asistentes unha serie de coñecementos e habilidades básicas que lles poidan axudar a fomentar un axeitado desenvolvemento dos seus fillos e fillas, e dotar a estas persoas participantes das capacidades comunicativas, habilidades sociais e actitudes axeitadas para a educación dos menores”. Con respecto ás temáticas que se abordarán, Cando anunciou que “se desenvolverán durante seis sesións dende outubro deste ano 2009 ate abril do ano que vén, e trataranse dende as funcións, dereitos e deberes da familia, ata a prevención das drogodependencias e hábitos de vida non saudables, pasando polos cambios na adolescencia, o ámbito familiar e a escola coas técnicas e hábitos de estudo e o acoso escolar, temáticas de saúde e hixiene, alimentación e nutrición e tamén falaremos sobre a resolución de conflictos e educación en igualdade de xénero”.

A responsable de Benestar afirmou que “para a posta en marcha desta escola de nais e pais dividiremos aos participantes en dous grupos en función da idade dos seus fillos e fillas, exceptuando a primeira e a última que serán comúns para todos. Un grupo estaría formado polas nais e pais con fillos entre 6 a 12 anos e o outro polas nais e pais de adolescentes. A metodoloxía que se vai empregar para as diferentes actividades basearase no traballo en grupo e na participación activa de tódalas persoas asistentes, intentando que as nais e os pais expresen as súas dúbidas, colaboren na resolución de problemas reais e ficticios e propoñan alternativas apoiándose na súa experiencia”.

Neves Cando engadiu que “para participar nesta escola de nais e pais poderán apuntarse tódolos interesados dende o vindeiro luns 14 de setembro nos colexios de primaria, nos institutos, na biblioteca pública, na Casa da Xuventude ou nas dependencias do propio Concello de Burela”.

Exit mobile version