Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela pon en marcha a campaña “Volta ao cole” para axudar economicamente as familias e incentivar o comercio

BURELA (FNC) .- As Concellarías de Benestar Social e Comercio de Burela inician hoxe a súa campaña de Volta ao cole por terceiro ano consecutivo coa que pretenden axudar ás familias e incentivar tamén as compras nos establecementos bureleses.

A concelleira de Benestar, Neves Cando, explicou que “por terceiro ano consecutivo as Concellarías de Benestar Social e Comercio de Burela iniciamos a campaña de Volta ao cole cos obxectivos un ano máis de axudar ás familias no comezo do curso con todos os gastos que disto se derivan e por outro lado, incentivar que as compras se realicen aquí en Burela”.

Neves Cando sinalou que “igual que outros anos os destinatarios destas axudas son as familias con fillos e fillas de entre 0 e 16 anos censados en Burela e a contía de axuda será de 40 euros por cada neno ou nena que presente factura por un importe superior a estes 40 euros e que se refira a material escolar, material deportivo, roupa ou calzado mercados en establecementos comerciais de Burela. Estas facturas deberán de corresponderse con compras efectuadas dende hoxe, día 10, comezo do curso escolar, ata o día 20 de outubro e o prazo para presentar estas solicitudes coas facturas será durante todo o mes de outubro”.

A edil nacionalista lembrou que “é o terceiro ano consecutivo que damos estas axudas ás familias de Burela e facendo balance dos anos anteriores temos que destacar que é un importante esforzo económico para o Concello pero tamén un importante aporte para o noso comercio que viu, durante estes anos, recuperar moita clientela que antes marchaba fóra para facer estas compras de comezo de curso. No ano 2007 presentáronse 966 solicitudes de axudas e concedéronse 949, o que supuxo un aporte municipal de 33.215 euros. O ano pasado, 2008, presentáronse 1008 solicitudes e concedéronse 1001, sendo o montante de axudas de 40.040 euros”.

Cando segue a relatar que “dende as Delegacións de Benestar e Comercio apostamos polas nosas familias e por iso un ano máis queremos ofrecerlles esta pequena axuda e máis neste comezo de curso 2009-2010 no que moitas familias de Burela non terán os libros de texto gratis porque o actual goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia eliminou a gratuidade anterior e substituiuna por un sistema de axudas que non van chegar nin ao 30% das familias galegas apelando sí, á crise e a unha suposta austeridade do señor Feijóo que, sen embargo, gasta 190.000 euros en propaganda sobre esta campaña dos libros de texto, gasta máis de 20.000 euros en cambiar a imaxe das galescolas, gasta 200.000 na enquisa sobre a nosa lingua e gasta millóns de euros nun contrato novo para os programas informáticos da Xunta mentras que o anterior goberno apostaba polo software libre e gratuito”.

A edil de Benestar engadiu que “todos estes cartos que despilfarra o goberno do Partido Popular na Xunta servirían para continuar coa gratuidade dos libros de textos para todas as familias galegas, algo que non quere facer o Partido Popular, pero nós sí imos apoiar na medida das nosas modestas posibilidades ás nosas familias agora que a Xunta de Galicia do Partido Papular lles da as costas gastando en propaganda e non no ensino e nas familias”.

Exit mobile version