BURELA(FNC) ._ O Concello de Burela elimina unha taxa de quince euros que se viña cobrando a desempregados á hora de matricularse nun proceso de selección, convocado polo propio Concello a través do INEM, co fin de cubrir unha praza vacante. Alfredo Llano destacou que esta medida só afecta a aquelas prazas solicitadas a través do INEM, por exemplo, ás relacionadas cos Plans de Cooperación, pero que outras taxas aplicadas para oposición libre ou concurso oposición seguiranse cobrando.
O alcalde de Burela explicou que “é un tema do que xa temos falado nas comisións paritarias ou na mesa de negociación dos convenios. Trátase de que se viña cobrando unha taxa ós desempregados que viñan matricularse para algunha praza que se convocaba dende o Concello, prazas que se convocan moitas veces, como son as dos Plans de Cooperación, que se levan a través do INEM. Dende alí envíannos a xente que está no paro, acoden aquí e teñen que pagar unha taxa de quince euros”.
Alfredo Llano sinalou que “a través dunha negociación que se fixo cos sindicatos do Concello, como é Comisións Obreiras, que é o que levou a iniciativa neste caso, tomamos a decisión de eliminar esta taxa de pagar quince euros cada vez que teñan que matricularse para algunha praza que haxa vacante. Esa eliminación só se aplicará a aquela xente que estea no paro e que veña dende o INEM para participar na selección do posto de traballo. Loxicamente as outras taxas que se viñan aplicando para a oposición libre ou para concurso oposición, seguiremos cobrándoas porque este proceso xa non se fai a través do INEM”.
Llano engadiu que “espero que esta decisión sexa do agrado do persoal que participe e dende logo, que tal é como están os tempos, creo que é unha medida positiva para aquela xente que quere participar en procesos de selección e que agora mesmo se atopan desempregados”.