Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG e CIG denuncian a precarización das condicións laborais e esixen ao PP que afronte a crise

NOTA DE PRENSA
Os nacionalistas esixen ao PP que non mire para outro lado na crise.

BNG e CIG denuncian a precarización das condicións laborais.

A Confederación Intersindical Galega e o Bloque Nacionalista Galego mantiveron unha xuntanza na tarde de onte no local comarcal do BNG en Foz onde analizaron a problemática económica da comarca e a xestión que da crise está a facer o Goberno do Estado e o Goberno Autonómico.

Na xuntanza os dirixentes das executivas nacionalistas observaron con moita preocupación que a xestión que as diferentes administracións están a facer da crise no beneficio do grande capital e sen ter en conta as demandas das maiorías sociais. Neste sentido consideraron de auténtico escándalo o feito de que a Xunta de Feijoo mira para outro lado na contra de enfrontar a problemática dos nosos sectores económicos á par que aposta por políticas neoliberais que son as que provocaron realmente a crise económica.

Oposición a supresión da área sanitaria

A CIG e o BNG consideran de suma gravidade o ataque que se está a lanzar contra os servicios públicos xa non só no incumprimento do prometido polo PP en campaña electoral senón particularmente no seu desmantelamento. Neste sentido ambas organizacións coinciden na súa oposición a creación dunha área sanitaria única para a provincia de Lugo na medida que vai significar un deterioro na atención ao paciente no hospital da costa e un empeoramento nas condicións laborais dos traballadores e a conseguinte destrucción do emprego na Costa. Na mesma liña ambas as dúas organizacións lamentan a posición do PP que xa en sé parlamentaria déronlle o seu visto bo ao modelo de organización sanitaria que pretende implantar a Consellaría de Sanidade.

Preocupación polas PEMES ligadas ao sector inmobiliario

O BNG e a CIG denunciaron tamén a perda de emprego na comarca analizando de xeito demorado a situación que está a vivir as pequenas e medianas empresas que son as que realmente crean emprego en Galiza. As organizacións sindicais e políticas do nacionalismo advertiron que boa parte deste tecido empresarial ten unha grande dependencia da actividade inmobiliaria o que as expón aínda máis nun contexto no que o ritmo constructivo da Mariña entre 2000 e 2007 situouse nunha ratio dunha vivenda nova por cada tres habitantes. Neste sentido estase a detectar que as promotoras trasladaron a estas empresas os seus problemas de liquidez o que pode desencadear feches das mesmas e que xa está a crear unha grande mao de obra parada no sector da construcción sen visos de poder atopar colocación.

Destrucción de emprego e precarización nas auxiliares de Alcoa

Asemade tamén foi obxecto de posta en común na referida reunión a situación que se atravesa nas empresas auxiliares da factoría de Alcoa onde desde finais do ano pasado se observa unha continúa perda de emprego e unha precarización das condicións de traballo. A escaseza de traballo está a provocar unha guerra de prezos que provoca unha perda de poder adquisitivo dos traballadores así como unha continua diminución da man de obra empregada. Neste sentido urxiron a Consellaría de Traballo a que plantexe solucións a este tema tal como se comprometeu e desde o BNG recordaron as iniciativas presentadas a este respecto no Parlamento.

Xa por último o BNG e a CIG esixiron que a crise non sexa unha coartada, como está a ser ate agora, para un recorte dos dereitos laborais e sociais ate o punto de que é precisamente Galiza a rexión europea onde menos aumentou o custo laboral o que está a significar unha continua perda de poder adquisitivo por parte dos traballadores.

Exit mobile version