BARREIROS (FNC) .- A concelleira de Cultura, Adela Rodríguez, presentou hoxe as festas previstas para estes días no concello e os cursiños que se desenvolverán ó longo dos vindeiros meses. A edil popular manifestou que “acabamos as actividades do verán con festas en San Cosme e San Miguel. As de San Cosme son os días 26 e 27 deste mes. O 26 hai misa na Igrexa de Abaixo á unha da tarde e despois procesión e sesión vermú. E ás dez e media da noite empezará a verbena. O 27 a misa será na Igrexa de Arriba, cantada pola Coral Polifónica de Barreiros, que aínda non fixo a presentación oficial, pero pedíullelo a comisión e espero que a todo o mundo lle guste moito. A continuación tamén haberá sesión vermú, ás cinco da tarde teremos xogos infantís e ás dez e media da noite empezará a verbena”.
Adela Rodríguez segue a relatar que “as festas de San Miguel serán os días 29 e 30 de setembro. Os dous días haberá misa cantada por Chema, a continuación procesión e sesión vermu o día 29 e ás dez e media empezará a verbena. Quero convidar a todos os veciños e visitantes a que se acheguen estes días a gozar das nosas festas coas que pechamos o verán deste 2009”.
Fotografía e móbil
A concelleira de Cultura anunciou o inicio de varios cursiños para os meses de outubro e novembro. Adela Rodríguez sinalou que “teremos un curso de introdución á fotografía, que empezará o 19 de outubro. Será os luns de 5 a 7 da tarde. É un curso moi interesante para aprender a utilizar ben as nosas cámaras fotográficas e poder gardar a historia da nosa vida en fotos ben sacadas. Animo a tódalas persoas a participar aínda que non saiban nada de fotografía, porque para ensinarnos estarán as monitoras”.
Rodríguez engade que “o mesmo dia 19 de outubro, luns, ás catro da tarde presentaremos un curso de animación social, con duración indefinida e que se desenvolverá de luns a venres de 4 a 6 da tarde. Trataremos moitos temas, empezaremos coas noticias dos xornais, para saber interpretalas e comentalas. Haberá tamén xogos de mesa e abordaremos tódolos temas que se nos ocorran coa monitora. Queremos que sexa moi participativo por iso animo tanto ós homes como ás mulleres de Barreiros a que participen neste curso no que organizaremos campionatos e un sinfín de cousas”.
A Delegación de Cultura tamén ten programado un curso para aprender a manexar ben o teléfono móbil. Segundo explica Adela Rodríguez “vai dirixido a persoas maiores, teremos unha monitora gracias ó patrocinio de Telecomunicaciones del Cantábrico. Ensinaranos como mandar mensaxes, contestalos e outras funcións principais do teléfono móbil”.
A concelleira de Cultura anunciou tamén que “a asociación cultural de Reinante organiza unha excursión ás festas das San Lucas, de Mondoñedo. O 17 de outubro pon un autobús que sairá de Casa de Panta ás once da mañá e regresará de Mondoñedo ás seis da tarde. Hai que anotarse previamente e o prezo da viaxe será de cinco euros”.