Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG que “o debate área sanitaria unidades de xestión” é o camiño a “unha sanidade de segunda”

Nota de Prensa

O debate área sanitaria/unidades de xestión son a coartada para dotarnos dunha sanidade de segunda

O BNG considera que o PP sigue adiante na súa intención de desmantelar a sanidade na Mariña

As declaracións que ven realizando nos últimos días o Sr.Balseiro, tras un alongado silencio impropio de alguén que padece incotinencia verbal, respecto ao mantemento da área sanitaria da Mariña non responden a outra motivación que tentar confundir a opinión pública sobre as verdadeiras intencións do PP sobre este tema e a dar respaldo a proposta da Consellaría de Sanidade de desmantelar pola vía dos feitos o Hospital da Costa.

Non imos consentir desde o BNG que Balseiro falte ao respecto a boa parte da poboación da Mariña preocupada, como non pode ser doutro xeito, polas propostas do PP neste materia, a quen acusa de deixarse manipular como se os cidadáns da Mariña fosemos parvos. Na mesma dirección entendemos que non cabe no debate sobre unha cuestión de tanta trascendencia, insultos a totalidade das organizacións sindicais da sanidade ou a algunhas forzas políticas e moito menos aos medios de comunicación a quen acusa de manipular ou falsear a realidade.

Acaso non son certas as declaracións da Conselleira de Sanidade en Burela e da xerente do Sergas, coincidindo  co nomeamento do xerente do Hospital de Burela, onde anuncian unha área sanitaria única para Lugo?. É mentira tamén que o Grupo Parlamentario do PP presentou e aprobou co seu voto o 5 de Setembro unha proposición non de lei onde instaba a Xunta a creación das áreas únicas de xestión?. Faltamos a verdade cando afirmamos que vostede mesmo en declaracións aos medios recoñeceu a centralización en Lugo de certos servizos vinculados a xestión do Hospital de Burela?. Confunde a opinión publica a Xunta de Persoal do Hospital cando confirma que a proposta do PP significa o recorte de servizos no mesmo?

O Bloque Nacionalista Galego ao igual que o conxunto da comunidade sanitaria e da grande maioría  da poboación da Mariña considera que o central é que esta Comarca manteña todas as competencias en materia sanitaria. Non nos vale que mantendo a denominación actual de areas sanitarias ou áreas de saúde, tal como define as mesmas a Lei 8/2008, a través da creación das áreas únicas de xestión se proceda a baleirar de competencias  á area da costa ou que o Hospital de Burela se converta nun hospital de segunda algo que o subconsciente de Balseiro o recoñece, cando xa se refire a el como hospital comarcal.

Neste sentido a intención do PP evidenciouse onte na votación da deputación cando esta forza política se negou a apoiar unha moción do BNG no que se solicitaba o mantemento de todas as competencias para as áreas da Mariña e Lemos. A folla de rota do PP non deixa lugar a dúbidas, o que primeiro intentaron a cara descuberta, preténdeno facer agora con nocturnidade polo medio dunha figura utilizada de xeito experimental en Ferrol, por certo con escaso éxito, e que vai ser un caixón desastre para desmantelar esta área.

O PP o que lle ten que explicar aos veciños da Mariña é que especialidades van deixar de ofertarse en Burela, o PP ten  que explicarlles aos traballadores da sanidade por que van ter que desprazarse por toda a provincia, o PP ten que explicarlle a un facultativo de Burela por que terá que desprazarse ao Hospital de Lugo cando neste non haxa profesional que cubra a súa especialidade, o PP ten que explicarlle aos xefes de servicio do Hospital de Burela cal van ser as súas competencias en relación cos seus homólogos de Lugo, o  PP ten que aclararlle a poboación da Mariña cantos postos de traballo se van perder na sanidade na Comarca.

Isto é o que ten que aclarar o PP e non learnos en debate nominalistas. Isto é o que ten que explicar Balseiro, na contra de insultar e crear aínda máis confusión. O BNG sería o primeiro interesado en equivocarse, agardemos que o PP nos demostre a súa vontade, votando no Parlamento polo mantemento das competencias da área.

Exit mobile version