Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG que “enmudeceu” o popular Balseiro mentres a comarca perde servizos e equipamentos

Nota de Prensa

Reunión do Consello Comarcal do BNG.

“Mentres a comarca perde servizos e equipamentos, a incontinencia verbal do Sr. Balseiro enmudeceu”

“O PP non cumpriu ningún dos seus compromisos electorais coa comarca, exceptuando o ataque directo ao sector lácteo mediante a anulación do concurso eólico”

A Mariña, 21 de setembro de 2009. O Consello Comarcal do BNG analizou na tarde de onte a situación política da comarca dende a toma de posesión do novo goberno da Xunta de Galiza, os nacionalistas concluíron que a actuación do goberno de Feijoo “está dirixida unicamente a desmantelar o camiño andado polo anterior goberno galego, sen concretar propostas en positivo que ofrezan solucións aos problemas da Mariña, mais ben todo o contrario”. Neste marco situaron a parálise na posta en marcha de equipamentos e servizos sociais e de benestar como escolas infantís executadas polo anterior goberno ou o traslado das valoracións relativas a Lei de Dependencia fora da comarca, a inexistencia de planos de choque que amortigüen a pegada da crise en diferentes sectores económicos da comarca, ou o desmantelamento de servizos que se daban por consolidados e que lonxe de mellorar, empeoran se temos en conta os anuncios, non desmentidos, sobre a remodelación da área sanitaria da costa.

O PP NON CUMPRE COS SEUS COMPROMISOS COA COMARCA

O portavoz comarcal do BNG, Antonio Veiga, manifestou ao remate do Consello Comarcal do BNG que “para traizoar á comarca, ao PP chegáballe con facelo dende a oposición”, engadindo que “ningunha das medidas comprometidas durante a campaña electoral polos portavoces do PP foron cumpridas, coa excepción da anulación do concurso eólico con importantes consecuencias na cooperativa agro-gandeira dos Irmandiños”, manifestou Veiga. A maior abundamento, o nacionalista lembrou outros incumprimentos como o plan de choque contra a perda de emprego nas auxiliares de Alcoa, os incumprimentos de acordos da Mesa da Madeira, o recorte en servizos sociais como as valoracións da Lei de Dependencia trasladadas fora da comarca ou a non apertura de equipamentos sociais executados polo anterior goberno, así como o desmantelamento de servizos sanitarios como consecuencia da remodelación das áreas sanitarias que suporá a perda de servizos sanitarios que ate agora dábanse na comarca e a posta en cuestión de investimentos ate agora previstos e reclamados con insistencia polos portavoces do PP cando estaban na oposición.

O BNG PEDIRÁ EXPLICACIÓNS SOBRE TODOS AQUELES ASUNTOS QUE SUPOÑAN A MERMA DE SERVIZOS E A ANULACIÓN DE COMPROMISOS PENDENTES

Antonio Veiga anunciou que “o BNG non vai quedar parado diante dun goberno que semella seguir de vacacións e sumido na parálise sistemática”. “O PP lonxe de resolver os problemas dos cidadáns, empeóraos, sen aportar ningunha medida positiva ate o momento”, concretou Veiga. O BNG reclamará con insistencia planos de choque contra a crise económica nos sectores estratéxicos da comarca, así como o mantemento e mellora dos servizos públicos existentes; “ate agora detrás dos mensaxes de austeridade do goberno de Feijoo so vemos parálise e recortes no apoio aos sectores sociais mais afectados pola crise económica”, afirmou Veiga.

Exit mobile version