Site icon Crónica3.com A Mariña

A oficina de turismo de Ribadeo e a da praia de As Catedrais atenderon a máis de 20 mil visitantes

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo amósase satisfeito polo incremento que rexistraron as visitas que chegaron ao concello durante o mes de agosto. Fernando Suárez sinala que “a xulgar polos datos que as técnicas de turismo nos dan sobre os resultados das visitas turísticas neste mes de agosto, tanto aquí na oficina de turismo de Ribadeo coma no punto de información turística que montamos este ano por primeira vez na praia de As Catedrais, eu penso sinceramente que podemos dicir que Ribadeo se configura como un dos destinos máis importantes, máis potentes de toda A Mariña en materia de turismo e digo esto e eu creo que non lle falto á verdade, porque a xulgar polos datos penso que este agosto foi, senón o que máis, un dos que máis xente puido atraer nunha época estival Ribadeo”.

O rexedor segue a relatar que “segundo as técnicas de turismo, o número de visitas que recibiu a oficina de información de Ribadeo foron durante agosto unhas 11.783, practicamente 12.000 e o punto de información de As Catedrais recibiu aproximadamente a 9.000 persoas. O perfil dos visitantes das dúas oficinas é bastante similar. A maioría viaxa en familia ou en parella, sendo unha minoría a que viaxa en grupo, ou ben con amigos ou digamos, en grupos organizados. Son, e esto revélano as técnicas de información turística, poucos os que veñen sós, exceptuando aqueles que están a facer o camiño de Santiago que na súa gran maioría viaxan individualmente”.

Sobre a procedencia dos visitantes que recibiu Ribadeo, Fernando Suárez, manifesta que “a maior parte foron madrileños e cataláns, seguido tamén de vascos e das dúas Castelas. Este ano notouse, como xa dixemos semanas atrás, un repunte dos galegos, xente sobre todo da parte da Galicia atlántica que nos visitaron. E logo, en canto ao mercado internacional, os alemáns e os franceses foron a maioría dos estranxeiros que viñeron aquí a Ribadeo, seguidos de ingleses, italianos e residentes dos países do leste europeo. Sí que tamén se destaca que moitos dos estranxeiros viaxan en autocaravana e que moitos alemáns e residentes no leste veñen facendo o camiño de Santiago”.

O alcalde ribadense apunta que “agora con máis calma dentro duns días, xa haberá un informe máis detallado que será presentado a finais da tempada turística, esto é simplemente un avance. E tamén lles pedín ás técnicas de turismo que nos fagan unha serie de apreciacións que debamos corrixir ou mellorar para sucesivos anos, dado que Ribadeo efectivamente se está convertendo nun lugar de turismo de referencia e esperemos que a pesares da crise económica este sexa un impulso importante para a nosa economía local”.

Exit mobile version