BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela asegura que o plan xeral se fará con transparencia. Alfredo Llano sinala que “estamos desenvolvendo o noso plan xeral, temos unha empresa desde hai tempo contratada que é OTEA e que está a facer unha boa labor, penso eu. Agora mesmo o que se ten presentado diante da Xunta de Galicia é o que se chama documento de inicio. Éste recolle un informe sobre a situación do noso concello, faise un análise socioeconómico, un análise do medio rural, un análise do asentamento da poboación con datos históricos, datos da malla urbana, dos elementos patrimoniais… tamén se fai un análise das infraestruturas e servizos e tamén se fai un primeiro estudio do que é a ordenación do concello de Burela, do planeamento vixente e dos proxectos de futuro”.
O rexedor burelés engade que “dito documento de partida está no Concello a disposición dos que desexen velo, tanto particulares como partidos políticos. OTEA segue co seu traballo e a partires de decembro ou de xaneiro comezará a dar charlas informativas ós veciños de como vai avanzando, de como se irá facendo a planificación, de tal maneira que o proceso será transparente e vamos contar incluso con achegas dos veciños que queiran dicir algo, como é lóxico”. Alfredo Llano considera que “se está a traballar con seriedade, con rigor e a un bó ritmo”.
Comisión de seguimento
Llano tamén aludiu á proposta realizada días atrás polo grupo municipal do PP sobre a necesidade de crear unha comisión se seguimento do plan xeral. O alcalde manifesta que “non haberá problema en informar cando queiran e cando así se requira, por exemplo cando se presentaron as alegacións ó corredor da costa, aquí estiveron os técnicos de OTEA informando a todos os partidos políticos e ós veciños e aportou a súa documentación e a súa experiencia para expoñer unhas alegacións con sentido. Terán información puntual e desde logo que teremos reunións cando corresponda para que eles tamén poidan aportar cousas e para que estean informados. Haberá transparencia para os veciños e para os partidos políticos, isto leva un ritmo de traballo que cando teñamos documentos ou algo que aportar ou informar é cando se fará, non antes”.