Site icon Crónica3.com A Mariña

Admite o PP atraso na tramitación de axudas para a retirada de madeira derribada polo ciclón Klaus

Nota de Prensa

Os deputados do PPdeG José Manuel Balseiro e Emma Álvarez salientan que o actual Goberno autonómico ampliou o crédito nun 200 por cen, pasando de 2 a 6,3 millóns de euros e está a axilizar os traballos de xeito que en novembro estarán concluídos na súa totalidade

A INEFICACIA DO ANTERIOR GOBERNO DA XUNTA RETRASOU A TRAMITACIÓN DAS AXUDAS PARA A RETIRADA DA MADEIRA DERRIBADA POLO KLAUS NOS MONTES

•    A “redacción confusa, os prazos interminables e mesmo os condicionantes legais” da orde de axudas publicada polo bipartito o 15 de abril “impediron iniciar a tramitación dos expedientes ata mediados de xuño, xusto o momento en que remataban os prazos establecidos”.

•    “O BNG de Lugo intenta desviar a atención cara o Klaus para que pasen desapercibidas as recíprocas acusacións entre o seu sindicato e o anterior reponsable da Delegación de Medio Rural en Lugo”.

•    Os populares resaltan que, en menos de tres meses, a actual Xunta retirou toda a madeira afectada nos montes de xestión pública, tramitou 543 expedientes de solicitudes e revisou 123.000 metros cúbicos de madeira con conformidade dos seus donos, estando en proceso 21.000 metros cúbicos máis, mentres que outros 50.000 se adxudicarán de inmediato.

Santiago, 12 de setembro de 2009.- Os deputados do Partido Popular José Manuel Balseiro e Emma Álvarez Chao culparon hoxe á ineficacia do anterior Goberno da Xunta do retraso na tramitación das axudas para a retirada de madeira derribada polo Klaus nos montes. Nunha rolda de prensa ofrecida en Viveiro, os parlamentarios replicaron con datos ás declaracións feitas públicas nos últimos días polo coordinador do BNG na Mariña lucense en referencia a este tema e salientaron que o actual Goberno autonómico ampliou o crédito nun 200 por cen, pasando de 2 a 6,3 millóns de euros, e está a axilizar os traballos de xeito que en novembro estarán concluídos na súa totalidade.

“A tramitación administrativa e a situación actual do mercado da madeira relantizan os traballos”, apuntou Emma Álvarez, quen fixo referencia a que a “redacción confusa, os prazos interminables e mesmo os condicionantes legais” da orde de axudas publicada polo bipartito o 15 de abril “impediron iniciar a tramitación dos expedientes ata mediados de xuño, xusto o momento en que remataban os prazos establecidos”. Aínda que o prazo para a recepción de solicitudes rematou o 15 de maio, “recibíronse solicitudes ata mediados de xuño a través do Portelo Único, imposibilitando á Xunta a tramitar a aprobación das axudas ata a dita data”.

“O BIPARTITO TARDOU TRES MESES EN REACCIONAR”

Para os populares, “o BNG de Lugo intenta desviar a atención cara o Klaus para que pasen desapercibidas as recíprocas acusacións entre o seu sindicato e o anterior reponsable da Delegación de Medio Rural en Lugo”. Os nacionalistas, engadiron os deputados, “non están en condicións de inchar peito”. Así mesmo, lembraron que a Xunta non pode retirar madeira dos montes privados sen permiso expreso e por escrito do seu propietario e lamentaron que o BNG non tivera “esta celeridade que demostra agora saíndo á prensa tres veces en quince días co mesmo tema” cando o Klaus visitou Galicia entre o 23 e 25 de xaneiro pasado. “Daquela – indicou Álvarez Chao- o goberno bipartito tardou case tres meses en reaccionar”, en referencia a que a orde de axudas para apoiar a retirada da madeira afectada publicouse o 15 de abril, “cando xa perderan as eleccións”.

En contraste, os populares resaltan que, en menos de tres meses, a actual Xunta retirou toda a madeira afectada nos montes de xestión pública, tramitou 543 expedientes de solicitudes e revisou 123.000 metros cúbicos de madeira con conformidade dos seus donos, estando en proceso 21.000 metros cúbicos máis, mentres que outros 50.000 se adxudicarán de inmediato. Ademais, a Xunta, que incrementou o orzamento, comprometeuse a ter retirada en novembro a práctica totalidade da madeira afectada, que supón aproximadamente 258.000 metros cúbicos de 845 propietarios en 2.792 parcelas.

“Todo iso no marco da situación económica actual, que provoca a ralentización do mercado da madeira”, feito que “proba a vontade da actual Xunta por resolver este problema que afecta a un sector clave na Mariña occidental para o seu desenvolvemento económico”, indicou Emma Álvarez.

Exit mobile version