SANTIAGO .- O 1 de setembro comezou a conta atrás para dous obxectos de uso cotiá que teñen unha importante repercusión negativa no medio; as lámpadas incandescentes e as bolsas de plástico.
A desaparición das lámpadas incandescentes farase de maneira paulatina ate 2012 e obedece a un mandato da Unión Europea no ámbito da Directiva Ecodesign. Este tipo de lámpada é un exemplo de ineficiencia enerxética, unha tecnoloxía do pasado que conta con alternativas máis ecolóxicas como as lámpadas fluorescentes compactas ou as de tipo led. As lámpadas incandescentes dedican o 95% da enerxía que consumen en producir calor e soamente o 5% do que gastan se deriva en dar luz.
A eficacia luminosa é a relación entre potencia consumida (w) e luz emitida (lumenes), de xeito que non é certo que a maior potencia consumida maior luminosidade. Como exemplo, unha lámpada incandescente de 100W da a mesma luz que unha de 20W de baixo consumo. A merma de kW e en consecuencia de emisións de CO2 que se pode acadar coa retirada definitiva das lámpadas incandescentes resultará significativo e son moitas as medidas de eficiencia que se poderían aplicar no sector da iluminación; detectores de presencia, temporizadores, bioconstrucción, etc.
Polo momento vanse deixar de producir e só se poderán vender aquelas que permanecían nos almacens das tendas. Resulta fundamental á hora de adquirir lámpadas, mercalas de boa calidade e asesorarse para que se adecuen as necesidades de iluminación. Asemade o destino final das lámpadas será o punto limpo e non os contentores da rúa.
O mesmo camiño das lámpadas estano a seguir as bolsas de plástico. Xa diferentes hipermercados do estado suprimiron o reparto gratuito de bolsas de plástico. Pouco a pouco vai triunfando a razón sobre o uso desmedido deste produto derivado do petróleo que tarda centenares de anos en desaparecer do medio ambiente e que se atopan desgraciadamente con facilidade nas beiras dos ríos, nos mares, nos estómagos de animais, nos chans de cultivo… As bolsas reutilizables de tea, por exemplo, o carriño da compra, bolsas de almidón de millo ou pataca, cestos, etc son as alternativas máis intelixentes á incómoda bolsa plástica.
ADEGA saúda positivamente estas dúas iniciativas e espera que as administracións e entidades implicadas de Galiza as asuman e acollan canto antes como hai tempo xa o fixeron outros países de Europa e do resto do mundo. A redución do consumo, nomeadamente das bolsas de plástico e das lámpadas incandescentes son temas que se veñen tratando nas campañas de ecoloxía cotián ou en programas como Fogares Verdes, de ADEGA. Agardamos igualmente que nun futuro estas campañas se extendan ás botellas de plástico e outros productos de usar e tirar.