Site icon Crónica3.com A Mariña

Aclaracións do CC Buril en relación a Arcadio Pardiñas

Desde o Colectivo Cultural Buril observamos con grande sorpresa, como nas últimas semanas se veñen sucedendo manifestacións públicas en relación á posíbel mudanza do nome da Avenida Arcadio Pardiñas. En todas estas se alude de forma velada á nosa asociación.

Pensábamos que coa publicación do noso último artigo (09-08-09), ficara suficientemente claro cal era a proposta da nosa asociación con respecto á rúa Eijo Garay e á aplicación da Lei de Memoria Histórica na nosa vila, mais os últimos artigos e cartas ao director aparecidos na prensa indícannos todo o contrario, de aí a nosa sorpresa e indignación. Queremos pensar que estas manifestacións públicas son froito do descoñecemento da nosa proposta e non unha tentativa de desestabilizar o noso traballo asociativo.

É por este motivo que nos vemos na obriga de desmentir as opinións que aluden ao noso colectivo e aclarar algunhas cuestións, que aínda que xa foron explicadas no seu momento, non poden continuar a xerar ideas enganosas.

O Buril non pode tolerar que se lle critique a proposta de retirar o nome dunha rúa a Arcadio Pardiñas porque o Buril nunca, e dicimos outra vez, nunca, fixo esa proposta. O noso colectivo só propuxo a retirada do nome de Eijo Gary do noso rueiro, pola súa implicación directa no golpe de estado do 36 e se nalgún momento falamos de Arcadio Pardiñas, foi como resposta a un artigo de opinión onde se cuestionaba a nosa suposta falta de responsabilidade polas consecuencias que podería ter a mudanza de nome á rúa Eijo Garay. No artigo en cuestión, preguntábase se íamos ser consecuentes coa nosa proposta e se éramos conscientes de que a principal rúa da nosa vila levaba o nome dun “alcalde franquista” (sic). En ningún momento o Buril falou de “alcalde franquista” e si de alcalde que desempeñou as súas funcións no tardo-franquismo, sendo conscientes da importancia dos matices na linguaxe empregada. Tamén comentamos que a priori non se podía establecer comparación algunha entre unha personaxe con implicacións directas no golpe de estado do 36 que causou milleiros de mortes no noso país e un “alcalde dun pequeno concello da Mariña no tardo-franquismo”. A este respecto temos que agradecer o artigo de opinión no que se citaba textualmente o artigo 15, parágrafo primeiro da Lei de Memoria Histórica, segundo o cal, as administracións públicas deberían retirar as placas, a simboloxía e outros obxectos relacionados coa “sublevación militar, a Guerra Civil e a represión da Ditadura”, pois este apartado do texto legal ven darnos a razón.

Non hai dúbida ningunha de que a Lei obrigaría a retirar todos os honores a Eijo Garay na nosa vila, (tal como ten acontecido en Vigo, cidade natal do bispo), e tampouco hai dúbida algunha de que a rúa Arcadio Pardiñas non se vería afectada pola citada L ei. Na nosa proposta orixinal, non se falou en ningún momento de Arcadio Pardiñas, e os motivos polos que o Buril mencionou o seu nome noutras ocasións, pensamos que fican suficientemente aclarados.

Por iso, rogamos encarecidamente ás distintas persoas que nos últimos días están a criticar, a través dos seus escritos, propostas que o noso colectivo nunca fixo, que lean de novo (se é que xa o fixeron) o noso último artigo, publicado o día 9 de agosto nas edicións dixitais e en papel da prensa da Mariña. Unha vez feito isto, non ocultamos que agradeceríamos unhas desculpas públicas por parte daquelas persoas que dalgunha forma danaron a imaxe do noso colectivo. Entendemos que alén de ser un xesto de humildade que diría moito ao favor de alguén o saber recoñecer os seus erros, tamén sería un acto de xustiza para co noso colectivo, que nos últimos tempos sufriu inmerecidas críticas por algo que nunca propuxemos.

O Buril tamén quere manifestar o seu desexo de que nun futuro non se produzan mais malentendidos como os acontecidos e que cando se cuestione o noso traballo se faga desde unha análise seria e responsábel das nosas propostas. Estamos abertos ao debate e cremos que ese é o motor que debe mover o traballo asociativo en Burela, sempre que se faga desde unha perspectiva crítica e razoada, e por iso propuxemos a creación dunha comisión encargada de estudar a simboloxía susceptible de verse afectada pola Lei.

Concluímos dicindo que non procuramos o eloxio nin o aloumiño para o noso colectivo, mais si que pedimos un trato respectuoso e que se teña en conta que ao longo do ano tamén realizamos distintos tipos de actividades e non só propostas para mudar nomes de rúas: Festa de Fin de ano (coa realización dun audiovisual para a ocasión); presentación do libro De Roncesvales a Compostela; debate sobre a reforma da Lei do aborto; actividades das Letras Galegas; I Encontro literario de Burela con veciñas e veciños da vila… e tentaremos realizar mais actividades antes de que finalice o ano. Non deixa de chamarnos a atención que ningunha das persoas que cuestiona o noso traballo, non denunciase publicamente as agresións que sufriron os murais que realizamos para conmemorar o día das Letras Galegas de 2008 e 2009. Tampouco nos parece xusto que se nos esixa a demanda de mais prazas nas escolas infantís ou unha ensinanza e unha sanidade de calidade. Entendemos que esas cuestións escapan ás nosas posibilidades de traballo como colectivo local por teren unha dimensión estrutural, sendo competencia de iniciativas asociativas integradas nunha estrutura nacional.

Exit mobile version