Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta facilitará o acceso á formación de parados con axudas de ata 350 euros

SANTIAGO.- O Consello da Xunta aprobou unha nova liña de axudas para impulsar o emprego de parados sen prestación, facilitando o seu acceso á formación a través de itinerarios personalizados de inserción (IPI). Para este fin a Xunta destinará un total de 750.000 euros, cantidade coa que se prevé se poidan beneficiar 750 persoas en situación de desemprego.
Pola súa banda a Consellería do Mar presentou esta mañá no Consello da Xunta o contido do informe que o Goberno galego ten previsto presentar nas vindeiras semanas ante a Comisión Europea para defender a continuidade dos actuais límites de control dos índices de toxicidade para a comercialización dos produtos do mar.

NOTA DE PRENSA
A XUNTA FACILITARÁ O ACCESO Á FORMACIÓN DE PARADOS SEN PRESTACIÓN E SEN SUBSIDIOS CON AXUDAS DE ATA 350 EUROS

§ O Consello da Xunta aproba unha orde de subvencións, incluída no Plan de Choque, dotada cun total de 750.000 euros

§ Poderán beneficiarse un total de 750 persoas en situación de desemprego

§ O Goberno galego facilitará a mobilidade xeográfica para aquelas persoas que atopen un traballo fóra da súa residencia, cubrindo gastos de desprazamento, de transporte de mobiliario, de aloxamento e de escola infantil e atención a persoas dependentes

O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova liña de axudas para impulsar o emprego de parados sen prestación, facilitando o seu acceso á formación a través de itinerarios personalizados de inserción (IPI). Para este fin a Xunta destinará un total de 750.000 euros, cantidade coa que se prevé se poidan beneficiar 750 persoas en situación de desemprego.

A axuda económica para estas persoas será de 350 euros por mes ou a parte proporcional dos períodos inferiores durante un máximo de tres meses, que se computará de forma continuada desde o inicio da primeira acción de orientación.

Os beneficiarios serán desempregados ou desempregadas rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia que non perciban ningún tipo de prestación ou subsidio, renda agraria ou activa de inserción e que carezan de rendas, de calquera natureza, superiores en cómputo mensual ao IPREM mensual vixente en cada momento (na actualidade sitúase en 533 euros).

Deberán ademais ter experiencia laboral e graves problemas para empregarse e participar en accións de orientación desenvoltas polo Servizo Público de Emprego de Galicia ou polas entidades que colaboran nestas tarefas coa Administración autonómica. Neste senso, é importante que no seu itinerario personalizado de inserción se determine a necesidade de participar en grupos específicos na procura de emprego que impliquen a súa dispoñibilidade e especial dedicación para a súa presentación a ofertas de emprego.

O técnico orientador deberá prestarlles unha atención individualizada e realizará un seguimento e actualización do seu itinerario de inserción laboral e informará sobre o cumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para o acceso e mantemento das subvencións por procura de emprego previstas nesta orde.

Estas axudas outorgaranse ata esgotar o crédito dispoñible, polo que se calcula poidan chegar ata as 750 persoas. Os prazos para solicitar a subvención será desde a selección como posible beneficiario ou beneficiaria polo Servizo Público de Emprego de Galicia ou polas entidades colaboradoras e ata tres meses desde a incorporación ao grupo específico de procura de emprego, sendo o último pagamento a data 10 de decembro de 2009.

Axudas á mobilidade

Así mesmo, esta orde aprobada hoxe recolle a concesión de subvencións a traballadores e traballadoras en situación de desemprego para facilitar a súa mobilidade xeográfica e a súa participación en accións de orientación con cargo ao Plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral.

Neste caso, os beneficiarios deberán cumprir dous requisitos fundamentais: que a localidade de destino onde se sitúe o posto de traballo se atope a máis de 100 quilómetros do punto de orixe e que a contratación sexa indefinida ou temporal cunha duración efectiva igual ou superior a seis meses.

Neste caso haberá catro liñas de axudas. A de desprazamento está destinada a cubrir os gastos do traslado desde a localidade de orixe ao novo destino do beneficiario ou beneficiaria e dos familiares ao seu cargo que convivan con el ou ela. Estas subvencións non poderán superar a contía de 4 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente.

En segundo lugar, a subvención cubre os gastos de transporte de mobiliario e aparellos coas mesmas condicións que o destinado ao desprazamento.

Ademais, o Goberno galego tamén subvenciona os gastos de aloxamento xerados durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato, incluíndo o aluguer, a adquisición de vivenda ou outros gastos de hospedaxe do beneficiario ou beneficiaria e dos seus familiares. Neste caso, a contía máxima da axuda será de 10 veces o IPREM mensual vixente.

Por último, a orde para facilitar a mobilidade xeográfica dos desempregados e desempregadas inclúe axudas para pagar a gardaría e a atención a persoas dependentes. Cubriranse os gastos xerados pola asistencia a escolas infantís ou outros centros durante o primeiro ciclo de educación infantil dos fillos e fillas que dependan economicamente do beneficiario ou beneficiaria, así como os derivados da atención das persoas dependentes o seu cargo durante os 12 primeiros meses de vixencia do contrato. A contía máxima da axuda será 4 veces o IPREM mensual vixente.

A XUNTA DEFENDERÁ ANTE A UE OS VALORES DE TOXICIDADE VIXENTES E OS MÉTODOS ANALÍTICOS PARA A COMERCIALIZACIÓN DOS PRODUTOS DO MAR

§ O Consello da Xunta analizou un informe elaborado polas consellerías do Mar e Sanidade

§ O informe demostra a eficacia desde hai máis de 50 anos dos controis que están vixentes sobre a protección da saúde publica

A Consellería do Mar presentou esta mañá no Consello da Xunta o contido do informe que o Goberno galego ten previsto presentar nas vindeiras semanas ante a Comisión Europea para defender a continuidade dos actuais límites de control dos índices de toxicidade para a comercialización dos produtos do mar.

Este documento achega a valoración epidemolóxica, datos históricos de episodios tóxicos e impacto económico do sector e presentarase á Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) e aos grupos de traballo da Comisión Europea de cara a defender os actuais limites legais de control de biotoxinas fronte aos novos límites propostos que supoñen uns niveis máximos de presenza de biotoxinas substancialmente inferiores aos que existen na actualidade.

Entre as consideracións incluídas neste informe -elaborado polos técnicos da Consellería do Mar e da Consellería de Sanidade- lémbrase que os actuais límites legais para o control da salubridade dos moluscos mariños amosaron a súa eficacia na protección da saúde publica desde hai máis de 50 anos non só en Europa senón tamén en Estados Unidos e noutros moitos países.

Así mesmo, o informe indica que a rebaixa destes niveis -tal e como pretende a Unión Europea- non aumentaría unha seguridade que xa está en cotas máximas, pero si podería ter serias consecuencias sobre o sector mexilloeiro, vital para a economía da Galicia costeira. No seu contido asegúrase que de utilizarse como límite o proposto pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, algunhas zonas mexilloeiras de Galicia incrementarían os seus días de peche por biotoxinas nun 200%.

Dos 5 límites de biotoxinas que propón rebaixar a EFSA, destacan os das toxinas paralizantes (PSP) que na actualidade están en 800 µg / kg con base no que establece o Regulamento (CE) nº 853/2004, anexo III fronte ao nivel proposto que está en 75 µg / kg.

Desde que a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicara por petición da Comisión Europea a súa proposta de rebaixar os niveis de toxinas para os produtos marisqueiros, os responsables da Consellería do Mar amosaron publicamente o seu desacordo con esta proposta. Por iso, desde a Xunta de Galicia se decidiu realizar este estudo que demostra que os actuais niveis de control que están vixentes son perfectamente seguros para a saúde pública.

Exit mobile version