Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aproba bolsas para os comedores escolares xestionados polos ANPAS

SANTIAGO.- O consello da Xunta celebrado hoxe aprobouse unha convocatoria de bolsas para o cofinanciar os comedores escolares que estean xestionados polas ANPAS. A Consellería do Mar presentou un informe no que se analiza a situación actual da acuicultura en Galicia. Tamén se deu o visto e prace a dous plans da Consellería de Economía e Industria para, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), apoiar garantías de pagamento que permitan acceder a operacións de crédito novas

NOTA DE PRENSA
O CONSELLO DA XUNTA APROBA A CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA O COFINANCIAMENTO DOS COMEDORES ESCOLARES XESTIONADOS POLAS ANPAS

§ Para a súa concesión, terase en conta a promoción de hábitos saudables nos comedores

O Consello da Xunta autorizou hoxe o compromiso de gasto plurianual correspondente á orde pola que se convocan axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais (ANPAS) de alumnos e alumnas de centros públicos non universitarios.

O obxectivo destas axudas é financiar, apoiar e potenciar a prestación do servizo de comedor escolar xestionado polas ANPAS de centros públicos non universitarios dependentes da consellería. Educación destina un total de 1.000.000 de euros a este fin, repartidos en dúas anualidades, con cargo aos exercicios dos anos 2009 e 2010.

Poderán ser beneficiarios das axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos e alumnas que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor no centro escolar correspondente; e as que, por non existiren as instalacións axeitadas no centro, oferten o servizo nun local hostaleiro próximo á escola.

A subvención sufragará como máximo o 50% do custo do servizo de comedor. As axudas económicas irán destinadas a cofinanciar o custo do menú, a vixilancia e coidado dos alumnos, en especial aqueles con necesidades específicas, e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades persoais nos comedores.

Contarán como criterios de valoración para a concesión das subvencións a implicación dos concellos no financiamento do servizo a través de bolsas ou axudas. Por outra banda, terase en conta que os solicitantes leven a cabo programas de promoción da saúde e hábitos alimentarios saudables e de desenvolvemento de habilidades persoais do alumnado nos comedores. A contía final da axuda determinarase, respectando o importe máximo do 50% do custo total, en base na valoración destes criterios.

As ANPAs poderán presentar as solicitudes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións para a mesma finalidade. A resolución de concesión das axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, http:/www.edu.xunta.es/ea.

Empurrón ao mapa estratéxico de instalacións acuícolas:

A CONSELLERÍA DO MAR INFORMA O CONSELLO DAS ACCIÓNS QUE REALIZARÁ EN MATERIA DE ACUICULTURA

§ A Consellería presenta un informe en que se analiza a situación actual da acuicultura en Galicia

§ Mar iniciou xa os trámites para cambiar o réxime de acceso á propiedade do Plan Galego de Acuicultura

§ As actuacións reservan 140 millóns de euros de fondos FEP dos cales non se executou nada na pasada lexislatura

O Consello da Xunta analizou hoxe a situación xurídico-administrativa da acuicultura na Comunidade Autónoma de Galicia con base nun informe elaborado pola Consellería do Mar. No documento recóllese a situación actual do Plan Galego de Acuicultura e descríbense as actuacións que a Xunta comezará a desenvolver de cara á súa regularización definitiva e cara á constitución dun marco xurídico que dea firmeza aos investimentos empresariais en Galicia.

O informe recolle a necesidade de abordar a modificación do Plan do 2008 no relativo ao sistema de acceso á propiedade. Entende que non se debe facer baixo réxime de concesión administrativa, polo que a consellería comezou os trámites para que a expropiación de terreos en que se desenvolverán os proxectos dedicados á acuicultura prevexa a posibilidade de adquirilos por parte da empresa como garantía do seu investimento.

Así mesmo, recolle que se continúe co recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento interposto no seu día pola empresa Insuiña, S.L. contra o acordo adoptado polo Consello da Xunta de avalar o Plan Acuicola do 2005 feito polo bipartito no 2006 na cal se procedía á revisión do Plan sectorial dos parques de tecnoloxía alimentaria na costa galega.

Dos 20 proxectos presentados polas empresas para novas instalacións e ampliación de plantas acuícolas xa instaladas, dáselles luz verde ás plantas proxectadas sobre polígonos non afectados pola modificación para que poidan saír da situación de bloqueo en que se atopan.

O investimento aproximado dos proxectos presentados ascende a preto de 350 millóns de euros. Segundo a documentación achegada polos solicitantes, estas instalacións e ampliacións xerarían uns 1.501 postos de traballo (654 directos e 847 indirectos).

A estas actuacións están reservados 140 millóns de euros de fondos FEP 2007-2013 dos cales, durante a anterior lexislatura, non se executou nada. A idea da Xunta é avanzar canto antes nestes investimentos para evitar a perda deste diñeiro.

A Xunta, a través do IGAPE avalará novas operacións de crédito con tipos de xuro moi interesantes a favor de empresas, microempresas e autónomos:

ECONOMÍA E INDUSTRIA REACTIVA O TECIDO EMPRESARIAL GALEGO CON AVAIS POR VALOR DE 150 MILLÓNS DE EUROS PARA XERAR NOVAS OPERACIÓNS DE FINANCIAMENTO DE 400 MILLÓNS

§ O Goberno da Xunta dá o visto e prace a dous plans da Consellería de Economía e Industria para, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), apoiar garantías de pagamento que permitan acceder a operacións de crédito novas

§ Os convenios asinados con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca para compartir riscos mellorarán o acceso ao circulante a empresas, microempresas e autónomos

§ O Igape implicará 14 técnicos na supervisión e axilizará ao máximo a xestión das solicitudes, máis de 5.000 nos dous plans en conxunto segundo as primeiras previsións

O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o seu visto e prace a dous plans de mellora do acceso ao circulante para reactivar o tecido empresarial galego que mobilizarán avais conxuntos por valor de 150 millóns de euros para xerar operacións de financiamento por valor de 400 millóns de euros instrumentadas coa colaboración de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca. Esta iniciativa, apadriñada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), conforma o plan máis ambicioso do departamento que dirixe Javier Guerra para facer fronte ás dificultades derivadas da crise económica e que asfixian as empresas, microempresas e autónomos galegos.

O primeiro dos plans, que mobilizará garantías de pagamento por importe de 100 millóns de euros para operacións de financiamento por valor de 200 millóns de euros aproximadamente, facilitará o acceso a liñas de financiamento adicional a empresas a través de liñas de crédito, de desconto, e para o adianto de efectos comerciais e facturas e de xestión de pagamentos a provedores.

O obxectivo deste plan é garantir operacións de financiamento novas, cubrindo entre un 40 e un 60% do importe do préstamo ou do crédito. O importe do aval do Igape oscilará entre os 120.000 euros e os 2,1 millóns de euros, acadando ata o 40% do concedido para circulante, o 50% no crédito por adianto de efectos comerciais e o 60% polo adianto para o pagamento a provedores. As garantías achegadas serán compartidas entre o Igape e as entidades financeiras adheridas a este plan. As características do financiamento fixan un importe de entre 300.000 e 3,5 millóns de euros, instrumentado a través dunha póliza de crédito ou de préstamo. O prazo do financiamento non excederá os dous anos.

Os trámites administrativos para poder optar a esta liña de acceso ao circulante iniciaranse coa presentación da solicitude ante o Igape por parte do beneficiario, achegando a documentación requirida. Os técnicos do Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria destinados ao estudo da documentación (4) revisarán nun prazo de 25 días que se cumpren as condicións e que a información do solicitante está completa. As operacións serán aprobadas por un comité de investimento que se reunirá quincenalmente. A resolución será logo asinada polo presidente do Igape e informarase o Consello da Xunta. A Consellería de Economía e Industria prevé que o proceso administrativo desde a chegada da solicitude ao Igape pode estar listo en 45 días aproximadamente, e agarda un número de solicitudes de entre 50 e 150 para acollerse a esta liña de financiamento de circulante.

Microempresas e autónomos

O segundo plan mobilizará liñas de acceso ao circulante para as microempresas (aquelas que teñen menos de 10 empregados e un volume de negocio non superior aos dous millóns de euros) e os autónomos con aval dunha sociedade de garantía recíproca (SGR) con garantías de pagamento por importe de 50 millóns de euros que xerarían operacións de financiamento por valor aproximado de 200 millóns de euros.

O obxectivo desta iniciativa é tamén facilitar operacións de financiamento novas, avalando ante as SGR un 25% do seu risco para que elas, pola súa vez, avalen ante as entidades financeiras un 90%. O Igape subsidiará todos os custos derivados do aval da SGR e reavalará un 25% do risco avalado pola SGR. As características do financiamento fixan un importe de entre 3.000 e 40.000 euros, e a súa instrumentación será tamén a través de póliza de crédito ou de préstamo, cun prazo de financiamento un ano superior ao primeiro plan: de tres anos.

Os trámites administrativos para poder optar a esta liña de financiamento, en que se calcula superar as 5.000 solicitudes, tampouco deberían ir máis alá dos 45 días aproximadamente, despois da presentación da solicitude ante o Igape por parte do beneficiario e unha vez aprobada a operación pola entidade financeira (suxeita á aprobación do aval do 90% por parte da SGR). A análise da documentación implicará 10 técnicos do Igape, que no prazo aproximado de 10 días darán conta do cumprimento das condicións e de que a información está completa. O seguinte paso será a análise da operación por parte da SGR e o Igape notificará a resolución nun prazo aproximado de entre 10 e 15 días.

Estes dous plans, que estara´n dispoñibles a fin de mes, unha vez se teñan superados os trámites administrativos e burocraticos, son un paso máis alá no camiño de axudar o tecido empresarial galego a superar a actual crise financeira, caracterizada por dificultades na obtención de crédito operativo e que asfixia o tecido empresarial. Para paliar esta situación, o Igape vén realizando un esforzo coas principais entidades financeiras que operan en Galicia, subvencionando gastos mediante programas como as liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das Pemes.

Estas axudas, ben que supoñen un importante apoio na redución de custos financeiros, deben ser completadas de xeito que o Igape, tal e como ocorrerá nestes dous plans, comparta riscos coas entidades financeiras en determinadas operacións mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo.

Exit mobile version