CERVO .- – O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que o vindeiro luns está previsto que comecen os traballos de mellora e reforma nunha parte da fachada litoral da vila de San Ciprián. Os traballos desenvolveranse no entorno sur da ría e consistirán na reposición de 340 metros de varanda do parque Reina Sofía e 160 metros na zona da Ría, ata a ponte de Feve. A nova varanda que substituirá á actual será de aceiro inoxidable e irá fixada cada dez metros por unha pequena columna de granito ao obxecto de darlle máis consitencia. Segundo indicou Alfonso Villares, a nova varanda permitirá minimizar o impacto visual que supón un ornamento de seguridade coma este “e favorecera que os peóns podan circular pola veira do paseo de xeito seguro” sinalou.
Tamén se mellorará a accesibilidade en varios puntos desta zona do paseo marítimo e acometerase a reordenación e adecuación da fachada litoral no fondo da ría mediante a pavimentación en granito e adoquín de 770 metros cadrados na zona da Ría (preto da ponte de Feve). Esta actuación tamén inclúe a continuación do paseo ata o final da ría de xeito semellante ao que xa existe no Parque Reina Sofía. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcamento e dotarase de luminarias iguais ás existentes no parque. “Trátase en definitiva, de dar unha continuidade armónica ao que se fixo dende o Concello hai dous anos cando acometemos a remodelación do Parque Reina Sofía” sinalou o alcalde cervense.
O rexedor local amosouse moi satisfeito con este investimento da Dirección General de e Sostenibilidad de la Costa y del Mar (antiga D.X. Costas) e sinalou que o orzamento de licitación destes traballos ascendeu a 470.000 euros. Villares prevé que as obras podan estar finalizadas antes de que remate o ano e neste senso pediu aos veciños do contorno “comprensión” polas posibles molestias que se poidan derivar dos traballos, “aínda que estou seguro que comprenderán que se trata dunhas obras necesarias e que van en favor da vila” salientou Villares.