Site icon Crónica3.com A Mariña

A posta en servizo da vivenda tutelada de Alfoz será antes de fin de de ano

ALFOZ .- O Alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, mantivo unha xuntanza co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, con quen tratou da teórica posta en marcha dunha escola infantil para o próximo curso. Lousas interesouse pola apertura da vivenda tutelada que, para a atención ás persoas maiores e dependentes, existe no concello. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar indicoulle ao rexedor municipal que á posta en servizo será nos  meses de novembro ou decembro.

NOTA DE PRENSA

Emilio Lousas foi recibido na mañá de hoxe por Roberto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

A XUNTA ESTUDA A CREACIÓN DUNHA ESCOLA INFANTIL A PETICIÓN DO ALCALDE DE ALFOZ

* A nova infraestrutura da que poderían beneficiarse nenas e nenos de ata 3 anos de idade, empregaría os locais das antigas escolas da localidade.

* Roberto Rodríguez tamén confirmou que entre os meses de novembro e decembro deste ano entrará  en servizo a vivenda tutelada, para persoais maiores ou dependentes coa que conta a localidade

Alfoz, 08 de setembro de 2009.-  As nenas e nenos de ata 3 anos que residen no termo municipal de Alfoz poderían beneficiarse no vindeiro curso dunha nova Escola Infantil cuxa creación está a estudarse por parte do novo goberno da Xunta de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo. Na mañá de hoxe o Alcalde de Alfoz, Emilio Lousas mantivo unha xuntanza con Roberto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar co obxecto de trasladarlle esta petición. O primeiro edil agradece a boa disposición do alto cargo autonómico que “comprometeuse a estudar a fórmula para levar adiante este novo servizo”. Emilio Lousas explicou que o Concello de Alfoz porá a disposición da administración autonómica as antigas escolas da localidade para que poidan ser empregados as súas instalacións como sede da nova Escola Infantil. Segundo explicou está previsto que a finais do presente mes ou, a máis tardar, no mes de outubro, sexa o propio xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar quen visite en persoa as instalacións acompañado de técnicos da Consellería de Traballo e Benestar.

VIVENDA TUTELADA

Por outra banda tamén aproveitouse o encontro para abordar outras cuestións como é a apertura definitiva da vivenda tutelada que, para a atención ás persoas maiores e dependentes existe neste municipio. A Xunta dotou a Alfoz desta vivenda que dispón de 5 habitacións dobres, con capacidade para 10 inquilinos O responsable da administración autonómica confirmou ao rexedor municipal que será nos  meses de novembro ou decembro cando se proceda á posta en servizo destas instalacións. Desde a Alcaldía quixeron agradecer unha vez máis a boa disposición dos novos responsables autonómicas ás demandas suscitadas e, insistiron en que grazas a estes novos servizos será posible incrementar a calidade de vida e o benestar dos veciños de Alfoz.

Exit mobile version