LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará o martes, 15 de setembro, Km0 Xtreme, unha iniciativa pioneira en España incluída no programa de visitas medioambientais Km0. Este innovador programa inclúe 14 rutas, 11 delas de balde, que teñen por obxectivo a posta en valor das Reservas da Biosfera a través do deporte e a multiaventura. Km0 Xtreme comezará esta semana con tres rutas en helicópetero nas que cada participante aboa 50 euros.
A primeira delas será mañá en Ribadeo e están apuntadas 24 persoas. O helicóptero, ó que tamén se subirá Gómez Besteiro, sairá do aeródromo de Villaframil e fará voos sobre a ría duns 15 minutos de duración. En cada viaxe poderán subir un máximo de 5 persoas.
O mércores realizarase a ruta “Lugo Centro”. Neste caso, o helicóptero despegará do entorno dos Robles, e sobrevoará o Lugo histórico. Nesta ocasión participarán 48 persoas, que son os 24 gañadores do sorteo celebrado durante o Arde Lucus que irán cada un cun acompañante.
Polo que se refire ó xoves, Km0 Xtreme trasladarase á Ribeira Sacra, onde tamén estará o máximo responsable provincial. O helicóptero partirá da Pobra do Brollón, e os participantes disfrutarán dende o aire das espectaculares vistas desta zona do sur da provincia.
As 11 rutas gratuítas son: “De Campamento” (onde cada equipo terá que realizar exercicios para ir sumando puntos), “De Multiaventura” (tiro con arco, canoas e rastrexo), “Na Diana” (tiro con arco e explicación do medio natural), “Oriéntate!” (deporte de orientación), “A Cabalo”, “Lugo Vertical” (escalada), “Lánzate!”, (tirolina), “BTT” (bicicleta de montaña), “Globo Cautivo” (vista aérea), “Colle a Onda!”, (deportes náuticos como o surf ou o windsurf), e “Móllate!” (vela latina, catamarán, kayak e esquí náutico).
Pero ademais, a Deputación facilita ós participantes outras tres rutas de pago que desenvolverán empresas asentadas na provincia de Lugo: Submarinismo”, que inclúe actividades de 6 horas de duración como buceo en piscina; “Englóbate!”, con viaxes en globo de 1 e 3 horas sobrevoando a provincia de Lugo; e “Lugo Aéreo”, son voos de 15 minutos en helicóptero.
Os interesados que desexen apuntarse terán que entrar na web: www.km0.deputacionlugo.org e descargar a folla de inscrpción e enviarla á dirección de correo electrónico km0@deputacionlugo.org, por fax ó 982 26 01 70, ou por correo ordinario ó Servizo de Protocolo (rúa San Marcos 8, 27001 Lugo).