BURELA (FNC) .- Remedios López, concelleira de Mar en Burela, presentará nos vindeiros días dous proxectos para os que tentará conseguir subvencións a través do Grupo Acción Costeira A Mariña-Ortegal. Remedios López asegura que “se trata de dúas actividades moi importantes para a miña área no ano 2010”
A edil socialista sinala que “a primeira e moi novidosa é a denominada Memoria do oficio do mar en Burela. Queremos facer un obradoiro da memoria recente de Burela, con testemuñas directas do inicio, desenrolo e crecemento da economía marítima, e así plasmar en material impreso e audiovisual a vinculación do concello de Burela co mar, a través de entrevistas a personaxes relevantes da vida municipal, da súa visión da historia recente da nosa vila e recompilar vivencias marítimas cos xubilados do mar e as súas familias”.
López Villar segue a contar que “co segundo proxecto queremos darlle continuidade á guía gastronómica Os sabores do noso mar, coas que tentamos o incremento do consumo de produtos pesqueiros e promocionar o sector da restauración cada vez máis implicado neste proxecto. Ata agora nestas guías gastronómicas temos presentados dous exemplares a da merluza do pincho e a do bonito de Burela. Neste 2009 presentaremos a do ourizo e para o ano que ven tentaremos sacar a diante as do peixe espada e pulpo de rocha”. A concelleira de Mar estima que “os orzamentos necesarios para levar a diante estas dúas actividades serán 46.674,13€ dos que 16.719,52€ irán destinados para a contratación dun licenciado en Historia”.