BURELA (FNC) .- O pleno de Burela aprobou unha resolución conxunta por unanimidade en defensa do mantemento da área sanitaria da Mariña. A tenente de alcalde, Neves Cando, asegura que “despois do pleno que tivemos onte en Burela no que presentamos unha moción en defensa do mantemento da área sanitaria da Mariña e ante a postura que alí mantiveron os membros do PP e todo o que hoxe puidemos ler na prensa temos que dicir que a confunsión e a incerteza seguen a estar presentes sobre o futuro do noso hospital de Burela”. Cando sinala que “dende que en xullo a Consellería de Sanidade anunciara aquí que se crearía unha única área sanitaria en Lugo, algo que foi corroborado despois pola xerente do Sergas que equiparaba a área sanitaria como unha integración de hospitais… dende daquela e ata onte que presentamos esta moción ningún representante do PP se pronunciara sobre o asunto. E o problema é que onte cando se pronunciaron ainda foi peor porque non aclararon nada de nada”.
A edil nacionalista segue a relatar que “onte o Sr.Balseiro en Viveiro, curiosamente non veu a Burela a falar do hospital, o Sr.Balseiro ese gran defensor dos dereitos sanitarios da Mariña que agora nada di sobre que autopsias desde xuño se están a facer en Lugo… pois o Sr.Balseiro dicía que a área sanitaria seguirá a chamarse igual xa que a cuestión non é a demarcación xeográfica. Afirmación que a todas luces non di nada de nada, como mesmo recoñecían os seus compañeiros de partido onte no pleno de Burela. E ese é o problema, que o PP non di nada sobre este tema e isto crea preocupación entre os veciños de Burela e entre os propios traballadores do hospital. E non hai máis que ver hoxe a prensa para coñecer a opinión que teñen os sindicatos médicos que cualifican de tremendamente perxudicial para a Mariña a supresión da área sanitaria da costa e denuncian tamén os médicos a falla de información da Consellería de Sanidade sobre isto e a súa política de salón, sen saber da realidade hospitalaria da costa”.
Neves Cando lembra que “a asociación de veciños O Vencello de Burela tamén amosa o seu malestar tanto por parte do pobo de Burela como por parte dos traballadores do hospital por esta falla de información e remata cunha afirmación moi significativa como non hai información concreta o pobo pensa no peor. E despois das declaracións de onte do Sr.Balseiro hoxe ainda estamos máis preocupados porque, segundo aparece tamén na prensa, os responsables de Sanidade aseguran que a creación da área sanitaria única está ainda en fase de inicio, ousexa que algo hai e os responsables do PP en Burela e na Mariña estánnolo a ocultar”.
A tenente de alcalde suliña que “o PP de Burela presentou onte in extremis, ao comenzo mesmo do pleno, unha enmenda á nosa moción onde eles tamén solicitaban o mantemento da área sanitaria da Mariña e a ampliación do catálogo de servizos do hospital da Costa. Ata onte nada dixo o PP de Burela, ata onte non soubo que dicir, porque como vimos denunciando desde hai moito tempo o PP de Burela está asentado en Lugo co seu portavoz á cabeza e non coñecía nin lle preocupaba todo o malestar que con este tema se esta xerando non só neste concello senón tamén dentro do hospital e entre os seus traballadores, na asociación de veciños e no pobo de Burela en xeral. E ante a nosa moción tiveron que reaccionar e apuntarse á defensa da área sanitaria da Mariña e dos servizos do hospital da Costa”.
Cando manifesta que “á vista da postura mantida onte polo Sr.Balseiro en nome do PP de Galicia e despois das manifestacións dos propios responsables de Sanidade só nos quedan tres alternativas á postura que mantivo o PP de Burela no pleno. A primeira, ou non se enteran do que queren facer os seus compañeiros de partido de arriba co hospital da Costa; segundo, o seu partido os está enganando sobre as súas intencións; ou terceiro, o PP de Burela está enganando aos veciños deste pobo”.