Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión actual do Carme e da Maruxaina de San Cibrao organizará as festa no ano 2.010

CERVO .- A concellaría de Cultura e Xuventude vén de informar que os integrantes da actual Comisión de Festas de San Ciprián xa están a traballar na organización das principais citas festivas desta localidade para o ano próximo. As celebracións patronais na honra da Virxe do Carme e a festa de interese turístico da Maruxaina contan de novo co grupo de veciños que, baixo a dirección de Jose Ramón Soto Martínez, xa asumiron a responsabilidade de organizar estes festexos o pasado verán.

CALENDARIO: 25 ANOS DA MARUXAINA

Arredor dunha vintena de persoas “sacrifican” parte do seu tempo libre para organizar un variado programa de actividades das que poidan gozar todos os veciños de San Ciprián e os visitantes. De feito xa están a traballar na elaboración dun calendario co que pretenden festexar un aniversario moi especial: os 25 anos que leva celebrándose a festa da Maruxaina.

O feito de que este grupo de veciños decida organizar de novo estas dúas citas e que asuman este compromiso cun ano de antelación servirá para que o fagan dun xeito máis doado, a diferenza do acontecido este verán cando tiveron semanas para organizar ambas festas. Malia iso, están seguros que o resultado final foi altamente satisfactorio e puido compatibilizarse unhas festas dignas, coa necesaria austeridade propia destes tempos de crise. Neste senso agradecen dun xeito moi especial á colaboración de todos os veciños, empresas e comerciantes.

APOIO MUNICIPAL

Unha vez máis desde o Concello de Cervo bríndanlles todo o apoio e colaboración que, na medida das súas posibilidades, tanto a nivel económico como a través da axuda loxística, poidan servir para o correcto desenvolvemento das distintas actividades. Agradecen ao presidente e, a través del, ao resto dos integrantes da Comisión de Festexos a participación desinteresada nesta organización pois, son conscientes de que moitas veces é un traballo desagradecido. Ao mesmo tempo felicítanse porque na vontade do Goberno municipal está que as festas máis sinaladas do municipio poidan organizarse polos propios veciños contando eso si sempre co apoio firme e decidido do Concello de Cervo.

Exit mobile version