NOTA DE PRENSA
O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA QUE SE OPOÑA A NOVOS RECORTES DE CAPTURAS PARA A FROTA PESQUEIRA GALEGA DE ARRASTRE LITORAL
Bieito Lobeira tamén lle demanda á Consellaría de Pesca que defenda a modificación do Convenio de Pesca Hispano-Portugués para que as dúas frotas cumpran as mesmas regras sobre descanso semanal
Santiago de Compostela, 7 setembro 09.- O portavoz do BNG na Comisión de Pesca do Parlamento Galego, Bieito Lobeira, ven de presentar unha serie de iniciativas nas que lle demanda á Xunta de Galiza que interveña ante o Estado Español e a Unión Europea para que a frota galega de arrastre litoral non sufra novos recortes na súa actividade produtiva.
Bieito Lobeira denuncia que esta frota, que agrupa a uns 100 buques galegos e que xera uns 1.000 empregos directos e 7.000 indirectos, “sofreu nos últimos tres anos unha redución do 10% no número de buques ao estar afectada polo denominado Plano de Recuperación da Pescada e da Cigala, imposto desde o ano 2005 pola Comisión Europea, que implica unha redución progresiva do 10% anual da actividade desta frota, expresada en números de días de traballo por ano”·
Así, lembra que desde os 264 días e traballo iniciais “pasouse durante o presente 2009 a 175 días permitidos, coa previsión de que no próximo ano 2010 se reduzan novamente outro 10%”.
Os recortes que defende a UE non teñen relación co estado dos recursos
O deputado do BNG advirte de que “o recorte na actividade produtiva desta frota non ten relación co estado dos recursos”. En concreto, salienta que “é unha evidencia a clara recuperación biolóxica da pescada no litoral galego”.
Ademais, denuncia que o sistema imposto pola Unión Europa no litoral galego “non é acaído á nosa realidade e ás necesidades do noso sector pesqueiro xa que conduce á inactividade durante a maior parte do ano a unha frota que, ademais de pescada, captura tamén outras especies, como xurelo, bacalauciño ou xarda, que non están incluídas no referido plano de recuperación”.
“É necesario un papel máis activo da Xunta ante a previsión de novos recortes”
A este respeito, o parlamentario nacionalista advirte sobre “a previsión de que o Consello de Ministros de Pesca da UE fixe na súa reunión do mes de decembro condicións aínda máis restritivas para a frota galega de arrastre litoral”.
Ante esta situación, o deputado do BNG demándalle á Consellaría de Pesca que “adopte un papel activo en defensa do sector” para impedir novos recortes. En concreto, pregúntalle á Xunta se vai elaborar algún informe científico sobre a situación biolóxica da pescada en augas galegas, para a súa presentación diante do Goberno español e da Unión Europea”.
Ademais, pregúntalle á Consellaría de Pesca se se vai dotar dalgunha estratexia para facerlle fronte ao Consello de Ministros de Pesca do Mes de decembro e se Galiza vai ter presenza directa nesa reunión.
“Hai que establecer idénticas condicións para as frotas galega e portuguesa”
Por outra parte, o deputado do BNG tamén traslada ao Parlamento Galego a necesidade de modificar o Convenio de Pesca Hispano-Portugués.
En concreto, Bieito Lobeira considera necesario que se fixen idénticas condicións para as dúas frotas, en especial sobre as xornadas de descanso, unha situación que fai que “ao non estar suxeita a frota portuguesa á normativa do descanso semanal, pode faenar libremente en augas galegas mentres a nosa frota está amarrada, e aproveitar para vender as súas capturas nas nosas lonxas, botando abaixo os prezos das nosas mercadorías”.
Ante este problema, o deputado do BNG insta á Xunta de Galiza a que defenda perante o Estado español a modificación do convenio de Pesca Hispano-Portugués a fin de fixar normas de igualdade recíproca entre as frotas galega e portuguesa”.