BURELA (FNC) .- A próxima semana, martes día 25, comeza en Burela a construción e adecentamento dunha nova área destinada a xogos infantís. Segundo explica o edil de Obras, Pascual Doménech Gruñeiro, “consistirá no levantamento do solo deteriorado no parque Rosalía de Castro na zona máis próxima á pista de baloncesto, así como un cambio de estilo relacionado co que se entende por xogos máis comúns. Nesta zona de 375 m2 porase novo solo protector adaptado á normativa europea de xogos infantís, e seguidamente se levantará un barco pirata escorado, novidade en todos os concellos de A Mariña. Este barco ten unhas dimensións no seu conxunto de 225 m2 e capacidade para vintecinco nenos xogando ao mesmo tempo, e consta de actividades lúdicas como escalada, habilidade manual, tobogáns pechados, etc. Esta embarcación ficticia conta con todos os detalles para que os pequenos estean en condicións parellas ao que sería a navegación polo mar”.
O edil socialista segue a relatar que “paralelamente, os xogos agora mesmo instalados e que estean en condicións de seren recuperados, pasarán a unha nova parte construída contigua á zona adicada a nenos ata 7 anos, dotada tamén de todas as medidas ás que nos obriga a normativa sobre parques infantís”. Pascual Doménech e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, consideran que “estas actuacións suporán unha transformación espectacular do parque e as tres zonas de xogo estarán perfectamente delimitadas. Con todo isto, esta Delegación de Obras e Servizos busca promover os parques do noso pobo, e se pretende tamén que sirvan para fomentar o xogo como un factor esencial no desenrolo psicomotor do neno. Indicar tamén a importancia que ten o nó coidado destes espazos e procurar evitar os actos vandálicos que deterioraron antes de tempo elementos de xogo que non teñen outra finalidade que a de axudar ao entretemento”.
O prazo de execución das obras andará entre vinte e vintecinco días e sempre se procurará compatibilizar o traballo de construción co de ocio, aínda que os menos días posibles e para resgardar a seguridade dos nenos, as dúas zonas que se acondicionarán permanecerán pechadas. Esta remodelación lévase adiante grazas a un convenio firmado entre o Inludes e o Concello de Burela, mediante o cal o organismo da Deputación aporta 42.000€.