Site icon Crónica3.com A Mariña

Terceira edición do tiro da corda entre Barreiros e Foz para acadar o tesouro da ría

BARREIROS (FNC) .- O domingo, día 23 de agosto, ás sete da tarde, Barreiros e Foz celebrarán a terceira edición do desafío con tiro da corda no que este ano os dous loitarán con máis forza por facerse co tesouro agochado no medio da ría para rematar co empate técnico que existe tralas dúas primeiras edicións.

O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, explicou que “despois do desafío feito onte no medio da ría o que vamos facer o vindeiro domingo será medir esas forzas entre Foz e Barreiros. Vamos estar os alcaldes tirando todo o que poidamos cos nosos veciños para conseguir ese desempate nesta terceira edición. Xa que despois de alzalo tesouro o primeiro ano Barreiros e o segundo Foz, a ver se este domingo conseguimos traer ós seus tiradores de corda hacia Barreiros”.

Alfonso Fuente engadiu que “dende hoxe invito a toda a xente que queira ver unha competición sana, unha competición na que miden as forzas uns tiradores, ó mesmo tempo que loitan con outros impedimentos como a forza do mar, que tamén inflúe, neste caso os 300 metros de ría que nos separan hai que vencelos tamén. Creo que incluso a pesares de ser unha competición e que todo o mundo quere gañar, penso que esa corda nos une máis que nos separa, é dicir, une a dous concellos que realizan unha actividade como unha atracción máis dentro do amplo programa cultural que se realiza no verán da costa de Lugo”.

Exit mobile version