SAN CIBRAO .- “Hoxe é o día cero para a creación deste novo porto en San Ciprián e, desde o próximo luns técnicos da Xunta estudarán a mellor fórmula para poñer en marcha esta instalación no menor tempo posible” asegurou o presidente de Portos de Galicia, Jose Manuel Álvarez-Campagna en relación coa creación dun porto deportivo.
NOTA DE PRENSA
Jose Manuel Álvarez-Campagna confirma na súa visita a esta localidade que o Ente público autonómico Portos de Galicia estudará a mellor situación desta nova infraestrutura para a que se empregarán os mellores modelos construtivos e se garantirá o máximo respecto medioambiental
SAN CIPRIÁN CONTARÁ CUN PORTO PARA EMBARCACIÓNS DEPORTIVAS E RECREATIVAS
* “Hoxe é o día cero para a creación deste novo porto en San Ciprián e, desde o próximo luns técnicos da Xunta estudarán a mellor fórmula para poñer en marcha esta instalación no menor tempo posible” –explicou Campagna.
* O anuncio corrixe a decisión da anterior Xunta bipartita que excluíu a San Ciprián da planificación estratéxica para a creación e instalación de novos portos deportivos en Galicia.
* Jose Manuel Álvarez-Campana visitou as instalacións portuarias actuais en compañía do Alcalde de Cervo e membros do Equipo de Goberno municipal.
Cervo, 21 de agosto de 2009.- O Presidente do Ente Público autonómico Portos de Galicia, Jose Manuel Álvarez-Campagna confirmou no día de hoxe que San Ciprián contará cun porto para embarcacións deportivas e recreativas. Así o explicou na súa visita a esta localidade, na que tivo a oportunidade de supervisar a situación das actuais instalacións portuarias, acompañado do Alcalde de Cervo, Alfonso Villares e do Tenente de Alcalde, Jose Manuel Balseiro Orol, xunto con outros membros do Equipo de Goberno municipal.
Jose Manuel Álvarez-Campagna asegurou que “hoxe é o día cero para a dotación desta nova infraestrutura en San Ciprián, xa que existe vontade máis que suficiente para levala acabo”. De feito explicou que, xa o próximo luns técnicos de Portos de Galicia estudarán a mellor situación desta infraestrutura destinada a albergar embarcacións deportivas e recreativas e que se executará aplicando os máis modernos modelos construtivos e garantindo o máximo respecto ambiental”.
O Presidente deste Ente Público autonómicorememorou tamén a importante historia do porto de San Ciprián cuxos antecedentes escritos deben remontarse ata 1870 data na que aparece xa en varias cartas náuticas como espazo natural de abrigo. Álvarez-Campagna salientou a súa tradición e a importante proxección de futuro das actuais instalacións portuarias que se verán melloradas con esta nova liña de amarre para embarcacións deportivas unha vez se decida a súa mellor situación. Tamén subliñou que o Ente Público que dirixe estuda a reodenación dos fondeos e a humanización da zona portuaria de San Ciprián.
CORRIXE O ESQUECEMENTO DO BIPARTITO
Desde o Goberno municipal amosaron a súa completa satisfacción por este anuncio que vén a corrixir a desafortunada decisión da anterior Xunta bipartita de non incluír a San Ciprián dentro da planificación estratéxica para a creación de novos portos deportivos e puntos de amarre de embarcacións recreativas en Galicia. Os novos responsables do Goberno galego poñen fin ao esquecemento do anterior Executivo bipartito e, deste xeito, confirman que San Ciprián tamén formará parte do futuro mapa de referencia para os navegantes e afeccionados á náutica deportiva.
Coa creación dun novo porto de amarre para embarcacións náutico-deportivas non só disporase dun espazo de grande atractivo turístico, senón que tamén se mellorarán os actuais servizos existentes e promoverá unha actividade relacionada co tempo do lecer o deporte.