Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo pecha a conta xeral de 2008 cun remanente positivo de máis de 163.000 euros

RIBADEO (FNC) .- Na comisión de facenda que se celebrará mañá ás 20:15 horas analizarase a conta xeral de 2008 que se pechou cun remanente positivo de máis de 163.000 euros. Un dato que destaca o goberno municipal porque por primeira vez en varios anos se dan estes resultados.

O concelleiro de Economía, Vicente Castro, dixo que “nestes dous anos que levamos ao frente do goberno municipal conseguimos investir unha situación negativa e empezar cos primeiros síntomas positivos. Pasamos, falando en termos cuantitativos, dun remanente negativo de 668.000 euros en 2007 a un remanente positivo de 163.000 euros no ano que pechamos. Pasando isto a unha linguaxe máis coloquial, podíamos dicir que arrastrabamos unha tendencia que iba costa abaixo e digamos que agora comezamos a repuntar un pouco cara arriba”.

O edil nacionalista engadiu que “todo isto, evidentemente, non significa que estea resolta a situación económica do Concello e sobre todo ao caso que atinxe á tesourería municipal. Pero si nos permite investir a situación porque o aforro que isto supón do ano 2008 permitiranos ir pouco a pouco facendo fronte aos pagos. Non quero ser triunfalista pero eu creo que debemos seguir na mesma liña de axuste do gasto para ir pagando aos provedores”.

Castro sinalou que “non se pode pasar sen facer mención a tódalas críticas recibidas durante este ano por parte dalgún grupo da oposición que cualificaba a situación económica e a actuación do goberno municipal no ámbito de economía e facenda de moi negativa e catastrofista. Estes datos, que agora presentamos, demostran o contrario e evidentemente supoño que algunha voz terá que calar despois de presentar esta conta. O resultado da conta que presentamos ven demostrar que este goberno fixo as cousas como as tiña que facer axustando e recortando gastos no máximo posible e mellorando, ao mesmo tempo, a efectividade da recadación”. O responsable de Economía agarda “seguir na mesma situación, entendo que esta é a liña que debemos seguir e espero que esto nos permita atender mellor aos nosos provedores que atravesan unha situación crítica debido á crise que estamos pasando e que poida levar ata ao remate do mandato a recortar o período de tempo no que estamos abonando os pagos na actualidade. Agardamos reducilo á metade”.

Exit mobile version