RIBADEO (FNC) .- O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, anunciou que estes días dous tractores están desbrozando as estradas das parroquias ribadenses dependentes do Concello e tamén algunhas pertencentes á Deputación.
O edil nacionalista explicou que “estes días os veciños do rural observarán que temos dous tractores desbrozando polas estradas do noso concello e polas pistas de concentración parcelaria. Temos un tractor traballando polas parroquias da costa, que é o tractor do Concello, e temos outro, polas parroquias do interior, que estes días estivo por Vilamariz e agora vai para Couxela. Ao mellor os veciños das parroquias do interior se poden encontrar con que as cunetas non quedan o suficientemente desbrozadas. O motivo é que non se poden taluzar. O que realmente queremos de momento é que os coches poidan circular sen que haxa silvas nin toxos á beira da estrada. Agora, o que facemos é darlles unha pasada ou duas, e despois co noso tractor iremos no inverno a taluzar e deixalas como deben de quedar”.
Cupeiro sinalou que “o tractor que temos no interior, hai dez días estivo facendo as estradas da Deputación, grazas a un convenio asinado entre a institución provincial e o Concello de Ribadeo. Tamén asinamos outro convenio con Medio Rural para participar na loita contra os incendios, mediante o que estamos facendo a limpeza doutros 180 kilómetros de cunetas. Ademais diso, tamén solicitamos un incremento de 20 hectáreas, que son 40 km máis de limpeza, que xa foi aceptado, o que incrementará o que xa tiñamos concertado con Medio Rural”.