TRABADA .- O delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, participou este mércores no acto de presentación do V Memorial de Fútbol Sala Celso Currás que terá lugar os vindeiros 22 e 23 de agosto no pavillón municipal de Trabada. Tal e como salientou o nacionalista este campionato reunirá nesta localidade da Mariña aos mellores equipos, e por extensión, xogadores, do fútbol sala nacional e estatal. Alén disto, Veiga falou do compromiso adquirido pola área que el mesmo dirixe en prol do mantemento e consolidación da práctica de determinadas disciplinas deportivas consideradas minoritarias ao longo da xeografía lucense.
A xornada dará comezo o sábado 22 ás 16:30 horas da tarde co partido entre o Club Deportivo Pescados Rubén e o Autos Lobelle Santago FS. A iso das 20:30 horas, disputarase o segundo partido desta semifinal entre o Azkar Lugo FS e o Marfil Santa Coloma FS. Ao día seguinte, ás 21:00 horas os gañadores destas semifinais loitarán polo trofeo Celso Currás. Tamén o domingo 23 de agosto, a media mañá, terá lugar unha festa infantil da piscina acuática municipal. Ás 19:00 horas presentarase o equipo local de fútbol sala de 1ªB que xogará contra o Jim Sports Melide FS. A entrada aos partidos é gratuíta para os menores de 14 anos. O prezo xeral da papeleta é de 5 euros aínda que se pode adquirir un bono para os dous días por 6 euros.