Site icon Crónica3.com A Mariña

Paralizan obras do saneamento de San Cibrao que carecen de licencia

CERVO .- A falta de licencia por parte de de Costas e da Diputación “obrigou á paralización de parte das obras que se están a levar adiante para a construción do novo saneamento de San Ciprián” según indican desde o Concello de Cervo. A paralización afecta a “traballos que se estaban a desenvolver no parque Raiña Sofía, nun espazo afectado por Costas, e na avenida da Veiga, máis en concreto, nun treito de titularidade provincial”

Nota de Prensa

A DEMORA NO OUTORGAMENTO DAS LICENZAS DE COSTAS E DA DEPUTACIÓN –ADMINISTRACIÓNS REXIDAS POLOS SOCIALISTAS- OBRIGA A PARALIZAR PARTE DAS OBRAS DO NOVO SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN

* O Concello de Cervo sospeita que detrás destes atrancos administrativos está a man negra do PSOE que tal e como fixo con anterioridade desde a Xunta pretende boicotear toda actuación promovida polo Goberno municipal sen importarlle que, como no caso do novo saneamento, beneficie a un gran número de veciños.

* O Executivo cervense entende que estamos ante un caso de falta de vontade política para acelerar todos os trámites administrativos por parte das administracións socialistas, situación que constrasta co feito desde Portos de Galicia que en poucos días tiña outorgada a licenza para o inicio das obras de saneamento nos espazos da súa competencia.

* Existe un dato curioso: Quen sufraga a obra é o Ministerio de Medio Ambiente, a mesma administración da que depende o departamento estatal de Costas que agora require a paralización das obras.

Cervo, 25 de agosto de 2009.- A demora no outorgamento das oportunas licenzas por parte da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e da Deputación Provincial de Lugo –ambas administracións rexidas polo PSOE- obrigou á paralización de parte das obras que se están a levar adiante para a construción do novo saneamento de San Ciprián. A suspensión destas actuacións, que ten un carácter provisional ata contar coas respectivas autorizacións, abrangue exclusivamente aos traballos que se estaban a desenvolver no parque Raiña Sofía –sito nun espazo afectado por Costas- e na Avenida da Veiga, máis en concreto, nun treito de titularidade provincial.

Desde o Goberno municipal sospeitan que detrás destes atrancos administrativos está a man negra dos socialistas que tal e como fixeron con anterioridade desde a Xunta bipartita pretenden boicotear toda actuación promovida polo Goberno municipal sen importarlle que, como no caso do novo saneamento, beneficie a un gran número de veciños. De calquera xeito, desde o Executivo cervense entenden que estamos ante un caso de falta de vontade política que deberan ter estas administracións socialistas para acelerar todos os trámites burocráticos. De feito, estas demoras constrastan co comportamento que están a ter outras administracións, como é o caso da autonómica: Portos de Galicia outorgou os seus respectivos permisos en poucos días, para que puideran desenvolverse os traballos previstos no peirao de San Ciprián.

MEDIO AMBIENTE PARALIZA A MEDIO AMBIENTE

Desde o Concello de Cervo subliñan un dato moi curioso: Quen sufraga a obra do novo saneamento, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, é a mesma administración da que depende o departamento que require a paralización das obras. A Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa forma parte da estrutura orgánica deste Ministerio e, debido aos seus atrancos burocráticos as obras non poden continuar segundo as previsións temporais coas que se iniciou o proxecto. “Está claro que, no Goberno central terán que aclararse e deixar de actuar en contra dos seus propios actos”

No Executivo municipal sorprende moito menos a actitude obstrucionista da Deputación provincial xa que non se afasta da tónica xeral de boicot que se vén desenvolvendo desde este organismo nos últimos anos. Mostra disto e a negativa do Goberno provincial a executar a ampliación do Museo do Mar, os atrasos nas tarefas de limpeza e desbroce das estradas de titularidade provincial ou das praias e feitos como o acontecido o ano pasado cando este organismo provincial mantiña durante meses a principal vía de comunicación entre as localidades de Rúa e San Román, sen asfaltar, en terra, e con obstáculos como tendidos da electricidade en medio da vía ou enormes fochancas que tiveron que ser reparadas provisionalmente con medios municipais.

Esta “mala fe” coa que actúan desde a Deputación ten pouco sentido tendo en conta que precisamente dous concelleiros locais teñen importantes responsabilidades nas mesmas administracións que agora atrancan unha obra de vital importancia para os veciños de San Ciprián.

INVESTIMENTO DE 4,8 MILLÓNS DE EUROS

As obras do novo saneamento de San Ciprián comezaron nas pasadas semanas e contemplan un investimento superior aos 4,8 millóns de euros que, de cumprirse as previsións, deberán executarse nun prazo máximo de seis meses. Os traballos serán acometidos pola UTE formada polas empresas Estraco e Gia e inclúen a construción dun parque de tormentas soterrado, novas canalizacións e a construción dunha Estación Depuradora no polígono industrial de Cuiña. A maiores das evidentes melloras na xestión das augas pluviais e residuais, poderán evitarse as avarías que se producen como consecuencia da obsolescencia da rede actual e contribuirán a evitarse inundacións. Desde o Goberno municipal non ocultan a súa inquietude polos atrancos administrativos que se están a producir, tendo en conta ademais que se trata dunha obra moi demandada, e reclaman a implicación e a vontade favorable de todas as administracións para a pronta finalización do novo saneamento.

Exit mobile version