BURELA (FNC) .- A Escola de Música do Concello de Burela acolle tódalas mañás desta semana o derradeiro obradoiro do verán. Está destinado á apreciación musical para os máis pequenos de entre 4 e 8 anos e ten como obxectivos que os alumnos se familiaricen coas principais cualidades dos sons e que os nenos e as nenas disfruten da música a través de xogos musicais.
A concelleira de Educación, Lucía Bouza, explicou que “estase a celebrar esta semana na Escola de Música da nosa vila o derradeiro obradoiro de entre os que se viñeron facendo durante todo o verán. Está destinado ós máis pequenos de entre 4 e 8 anos e chámase obradoiro de apreciación musical. Desenvólvese durante toda esta semana nos locais da Escola de Música entre as 10.30 horas e as 13.30 horas da mañá e remata o venres 28 de agosto ás 13.00 horas cunha despedida musical na propia Escola de Música”.
Lucía Bouza sinalou que “o que trata este obradoiro de facer é traballar varios contidos en función das distintas idades xa que hai dous grupos. Os contidos que se traballan son a voz, en primeiro lugar, posto que é o noso primeiro instrumento musical poderíamos dicir; tamén se tratan as cualidades dos sons, o emprego do corpo como material sonoro, hai cantaxogos, contacontos musical e tamén se desenvolve un obradoiro de construcción de pequenos instrumentos de percusión”.
A responsable de Educación engadiu que “os obxectivos deste curso son familiarizarse coas principais cualidades dos sons, tamén potenciar a utilización da voz como medio de comunicación musical, que os nenos e as nenas disfruten da música a través de xogos musicais e por último, o que se pretende é interpretar pezas utilizando os instrumentos que previamente construiron os participantes”.