RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo contará este ano por cuarta vez consecutiva co Taller de Emprego Ría del Encuentro. A Asociación Puente de los Santos, que comparten os Concellos de Ribadeo e Castropol, logrou que lles foran concedidos 4 módulos e un total de 32 prazas.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que “esta solicitude que fixemos hai uns meses a través da Asociación Puente de los Santos, que compartimos os Concellos de Castropol e Ribadeo, para pedir o taller de emprego ao Ministerio de Traballo e Inmigración, foi contestada hai poucos días favorablemente. De tal xeito que foi aprobado un novo taller de emprego que vai ser o cuarto que de maneira consecutiva nos outorguen cun importe de prácticamente 700.000 euros no que son o pago de nóminas de persoal, dos alumnos, etc. E que cubre dous aspectos, por unha banda, a unha xente que está no paro dalle a posibilidade de que se poida formar durante un ano e ao mesmo tempo os dous Concellos aproveitamos para levar adiante obras que nos permitan recuperar espazos que están abandoados ou deteriorados”.
Fernando Suárez sinalou que “pedimos uns 40 alumnos e fóronnos concedidos 32 e solicitamos 5 módulos e déronnos 4. De tal xeito que temos autorizado o módulo de albanelería, o de carpintería, o de pintura e o de auxiliar de axuda a domicilio. Temos que levar adiante unha serie de proxectos nos dous concellos. En Ribadeo debemos amañar este ano o teleclube de Couxela, temos que facer melloras no Castelo de San Damián, melloras tamén importantes na escola de Vilaselán, obras varias no parque municipal de San Francisco e ao mesmo tempo temos que continuar con este servicio de axuda a domicilio no marco da Lei de Dependencia. Por todo isto, este taller ten que empezar a finais deste ano 2009 e dende logo contamos que funcione tan ben como o fixeron estes que tivemos nestes tres anos anteriores”.