SAN CIBRAO .- O saneamento de San Cibrao inclúe “un tanque de tormentas e unha estación de bombeo soterrada”, según indican desde o Concello de Cervo. Tamén informan de que as obras de saneamento iniciadas contan cun presuposto de 4.8 millóns de euros.
Nota de Prensa
A nova infraestrutura evitará as inundacións na vila
DERON COMEZO OS TRABALLOS DO SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN
• A UTE Estraco-Gia é a encargada da execución das obras, as cales teñen un orzamento de 4,8 millóns de euros.
• Os traballos deron comezo no paseo marítimo da Ría, onde se construirá un tanque de tormentas e unha estación de bombeo soterrada.
Cervo, 12 de agosto de 2009- Esta semana deron comezo os traballos de execución do saneamento da vila de San Ciprián. Así o confirmou hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quen valorou positivamente o inicio desta obra “tan demandada dende o Concello e reiteradamente torpedeada polo anterior goberno bipartito da Xunta, pero que por fin se ve materializada”.
O novo saneamento de San Ciprián ten un orzamento de 4.854.391 euros e será acometido pola UTE (unión temporal de empresas) formada polas firmas Estraco e Gia.
Na xornada de hoxe os operarios desta UTE procederon ao balado da zona do paseo da Ría onde está previsto que se constrúa o tanque de tormentas soterrado. Os traballos desenvolveranse paralelamente na Avenida da Veiga e na zona do Porto nunha primeira fase e posteriormente se acometerá a construción da estación depuradora no polígono de Cuiña. As obras consistirán basicamente no seguinte:
COLECTORES:
1.- Construción dun tanque de tormentas soterrado no Paseo da Ría de 400 m3 de capacidade de retención, desde o que se realizará a impulsión xeral das augas residuais do núcleo de San Ciprián cara ao polígono industrial de Cuiña onde se construirá a EDAR.
A lonxitude da tubaxe de impulsión é de 1.272,75 m. O bombeo dispón de tres bombas deseñadas para un caudal total de 66 l/s.
2.- Construción dun pozo de bombeo no porto e instalación dunha tubaxe de impulsión até a rede existente, para condución das augas residuais ao novo tanque de tormentas.
A estación de bombeo dispón de dúas bombas cun caudal unitario de 6,3 l/s.
3.- Construción dun colector de 78 m. de lonxitude para recoller as verteduras da península e levalos até o pozo de bombeo do porto.
4.- Construción dun pozo de bombeo en Cubelas e instalación dunha tubaxe de impulsión até a rede existente, para condución das augas residuais ao novo tanque de tormentas.
A lonxitude da tubaxe de impulsión é de 39,6 m. A estación de bombeo dispón de dúas bombas cun caudal unitario de 2,72 *l/s.
5.- Ademais das actuacións comentadas existen outras actuacións que conforman a rede secundaria como son a construción de dous colectores (un para completar o saneamento de San Ciprián de 308 m. de lonxitude e outro para recoller as augas pluviais de 162 m. de lonxitude) e a conexión da rede de saneamento de polígono co colector xeral á EDAR.
EDAR:
Sitúase no polígono de Cuiña. Nesta instalación depurásense as augas do núcleo urbano de San Ciprián e do polígono de Cuiña, isto representa un total de 8.000 habitantes equivalentes.
O caudal medio de tratamento é de 79,23 m3/h.
A liña de tratamento da auga consiste na obra de chegada e elevación, pretratamento, tanques de tormenta e un tratamento biolóxico para a eliminación de nitróxeno e fósforo.
A liña de lodos consta de espesamento, deshidratación, e secado até o 75%.
O alcalde solicitou “a comprensión dos veciños” por mor das posibles incomodidades e molestias que poidan supoñer as obras, “pero aínda así, penso que estes traballos son benvidos polo conxunto de veciños de San Ciprián, xa que unha vez estean rematados evitarán en gran medida que volvan a producirse inundacións nesta localidade”.