Site icon Crónica3.com A Mariña

“O litoral mariñano será a primeira costa europea con certificado medioambiental”, asegura Lara Méndez

LUGO .- A vicepresidenta segunda de Deputación, Lara Méndez, asegura nunha entrevista que, nos dous últimos anos, a Deputación saldou “débedas históricas que impedían o crecemento dos Concellos lucenses” e anuncia que, o vindeiro verán, “o litoral mariñao será a primeira costa europea certificada medioambientalmente”. Lara Méndez deixa claro que “a capacidade para asumir retos non depende de se es home ou muller”.

ENTREVISTA

Lara Méndez López
Vicepresidenta segunda da Deputación provincial de Lugo
Lara Méndez López, filla de emigrantes de Viveiro e San Cibrao, naceu en Suíza no ano 1972 onde viviu ata os tres anos. Actualmente non exerce as súa profesión de enxeñeira técnico Agrícola e adirase a política. Lara Méndez é vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo é concelleira en Cervo dende o ano 2003 en representación do PSOE. Está vinculada a esta formación desde o ano 1999 a través das Xuventudes Socialistas de Cervo, onde é secretaria Xeral na agrupación local. Na súa traxectoria pola vida pública tamén ocupou o terceiro posto na lista do PSOE cervense nas municipais do ano 2003 e foi cabeza de lista no ano 2007. Tamén foi número sete na lista socialista ó Parlamento de Galicia.

En dúas lexislaturas pasou vostede de número tres na candidatura das municipais de Cervo a ser cabeza de lista e de ser concelleira da oposición a ocupar o posto de vicepresidenta segunda da Deputación. Que valoración fai da súa traxectoria?

Desde hai 10 anos estou vinculada co Partido Socialista e dende o inicio traballei para sacar adiante proxectos que beneficien ós veciños e veciñas do Concello de Cervo, na miña función de concelleira, e da provincia, como vicepresidenta segunda. O 14 de xullo cumpríronse os dous primeiros anos ó fronte da vicepresidencia segunda e como responsable do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social e podo dicir que estou satisfeita de ter encarrilados temas que beneficiaron ós cidadáns da provincia.
Está  claro que en 24 meses non se pode facer todo, pero sí e certo que a institución en xeral deu un xiro de 180 graos porque sentamos as bases daquelas cuestións que eran prioritarias, converténdonos nunha Deputación útil á provincia, xa que saldamos débedas históricas que impedían o crecemento dos Concellos lucenses. No meu caso concreto, e como responsable do INLUDES, fomos quen de poñer en marcha o primeiro Programa de Apoio ó Tecido Empresarial co que beneficiamos a 500 autónomos da provincia, converténdonos na primeira Deputación de España que subvencionou gastos correntes a este colectivo. A isto hai que sumarlle o Plan Estratéxico de Subvencións, dotado con 1,6 millóns de euros, e co que creamos emprego e a reactivamos a economía provincial de zonas como a Mariña, o Programa de Sucesión Familiar que impartimos na Mariña, ou proxectos europeos como Innova-TE, dirixido á implantación das novas tecnoloxías na Deputación e nos concellos, e ó Pacto Integral polo Emprego, co que favorecemos o desenvolvemento económico da provincia. Por tanto, a miña valoración é totalmente positiva tanto a nivel persoal como profesional.

A vicepresidencia da Deputación é unha responsabilidade desexada por moitas persoas que se adican á política. Isto pode ser motivo de discrepancias entre os membros do mesmo partido?

Eu tiven a sorte de que o meu partido encomendoume esta tarefa que nun principio para min foi un reto persoal. De feito, tamén supuxo un antes e un despois na miña traxectoria política. Os meus compañeiros depositaron na miña persoa toda a confianza para ocupar este posto que asumín dende o inicio con total responsabilidade e compromiso, tal e como agardo seguir afrontando na segunda metade da lexislatura.

O feito de ser muller supuxo algún tipo de traba para sacar os seus proxectos adiante?

Durante moitos anos as mulleres estivemos relegadas a un segundo plano en todo o que se refire a toma de decisións ou postos de responsabilidade. Afortunadamente, as cousas están cambiando e demostramos que a capacidade para asumir retos non depende de se eres home ou muller. Con traballo e adicación as cousas saen adiante. A vicepresidencia terceira tamén está dirixida por unha muller, a compañeira de corporación María Xosé Vega Buján. Estou convencida que os cidadáns saberán recoñecer o esforzo e o cambio de rumbo que imprimimos nesta Institución que preside José Ramón Gómez Besteiro.

Cales son os proxectos máis ambiciosos da Deputación para A Mariña e cal é o estado no que se atopan?

Se por algo se caracteriza A Mariña é pola grande riqueza medioambiental que posúe e que atopa nos seus areais os seu máximo esplendor. Por este motivo, dende o goberno provincial apoiamos a Reserva da Mariña de Interese Pesqueiro da provincia de Lugo, entre as rías de Viveiro e O Barqueiro, a primeira Reserva de Lugo e a única de augas interiores e exteriores de Galicia. Pero, ademais, o vindeiro verán o litoral mariñao será a primeira costa europea certificada medioambientalmente, o que significa un nivel de esixencia moi superior ó da Bandeira Azul. Isto permitiranos ter un turismo de calidade e beneficios económicos a longo prazo, preservar a paisaxe, xestionar correctamente os residuos e controlar a calidade das augas e da area. A isto hai que engadirlle que saldamos unha débeda histórica coa Mariña a través da posta en marcha da rede provincial de bombeiros. Estamos acondicionando o de Barreiros e coa construción do de Viveiro, a zona norte da provincia quedará perfectamente cuberta en materia de extinción de incendios. Ademais, esta zona tamén se beneficiará do Plan Deputación, un macroprograma con 20 millóns de euros que vai crear emprego a través da obra pública, ó igual que aconteceu con Fondo Extraordinario co que a Deputación complementou o Plan E de Zapatero, asimesmo, seguiremos mellorando a rede viaria provincial e dando a coñecer esta zona da provincia co programa Km0.

Como se ve a Mariña desde a capital da provincia?

Durante os últimos 25 anos a Mariña permaneceu no esquecemento dos que dirixiron a Deputación. Esta situación cambiou co actual equipo de goberno. Tal e como dixo o Presidente en varias ocasións, a Mariña é unha zona estratéxica para o organismo provincial. É non é para menos, xa que é un dos territorios máis dinámicos e prolíficos da provincia, especialmente en sectores como o da pesca, representando polos portos de Burela e Celeiro, que hoxe son a base da flota que faena en augas internacionais. Precisamente, A Mariña terá un forte peso no Plan Estratéxico provincial que estamos a redactar e que será a folla de ruta a seguir nos vindeiros anos.
Como xa dixen anteriormente, fixéronse cousas importantes neste dous primeiros anos. Temos ilusión por seguir impulsando iniciativas nesta segunda metade do mandato que melloren a calidade de vida dos mariñanos. A Cooperación cos Concellos, a proximidade á cidadanía, a transparencia, así como o respecto á pluralidade política seguirán sendo os catro principios que rexerán a forma que temos de entender a Deputación.

Exit mobile version