Site icon Crónica3.com A Mariña

O INLUDES colabora en preto de 30 actividades de promoción de produtos autóctonos

LUGO .- O Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) dependente da Deputación apoia a promoción dos produtos autóctonos da provincia e as actividades relacionadas co mundo agropecuario e pesqueiro a través dunha liña de axudas dotada con 152.000 euros.

O Instituto provincial, que dirixe a Presidenta en funcións da Deputación, Lara Méndez, vén de conceder subvencións para a organización de 27 eventos ou actividades que favorecen o desenvolvemento económico do sector agroalimentario da nosa provincia. As axudas oscilan entre os 60.000 e os 1.200 euros.

Entre as actividades que subvenciona o INLUDES, inclúense varias desenvolvidas pola Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e a Real Academia Galega das Ciencias.

Tamén concedeu axudas para a adquisición de semente de moluscos por parte das Confrarías de Pescadores do Vicedo, Santiago Apóstol de Celeiro, Santa María do Campo de Ribadeo e a Agrupación de mariscadoras de San Cosme de Barreiros.

O organismo provincial colabora ademais economicamente con eventos xa consolidados e cunha importante repercusión no sector como a Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar, a Mostra Exposición de Muimenta, a subasta de novillas de raza frisona de Castro de Rei ou as xornadas técnicas de denominación de orixe da tenreira galega.

Outras das axudas concedidas polo INLUDES están destinadas á promoción de produtos autóctonos da provincia a través de feiras e festas adicadas a alimentos como o mel de Lugo, a cereixa de Ribas do Sil, o berberecho de Foz ou a empanada de Chantada, entre outros.

Exit mobile version