BARREIROS .- A tradición e a modernidade danse a man de novo no San Caetano 2009. Celeiro de Mariñaos prepárase para festexar o vindeiro venres e sábado a edición deste ano desta festa arraigada xa no calendario de verán da comarca. O programa, que foi presentado hoxe, inclúe xogos, un espectáculo de clown e escapismo, música galega e moita verbena para dous días de festa que conservan o sabor das romarías tradicionais.
A festa arrincará o venres 21 a partir das 21:00 horas cunha cea a prezos populares e moita música. A do venres será coma sempre a noite máis innovadora co concerto de grupos emerxentes do panorama galego. Este ano o San Caetano mira cara a lusofonía e o primeiro día o plato forte será a fusión galego-brasileira de Café Caxaça, unha formación de Vigo composta por músicos de Brasil e Galiza e liderada por Renato Spencer.
No segundo día, o sábado 22, as protagonistas serán as merendas. É o día no que familias e grupos de amigos se xuntan para ir comer ao monte. As merendas colócanse no entorno da Capela de San Caetano dende primeira hora da mañá e a festa dura ata ben entrada a noite. Aproveitando as merendas, terá lugar a XIV edición do xa tradicional Concurso de Tortillas. Este ano haberá premios á de mellor sabor, á máis innovadora, á mellor presentada e á mais grande. Coma todos os anos a comisión elaborará unha tortilla xigante, que non entra a concurso, de máis dun metro de diámetro e 10 centímetros de grosor para a que serán necesarios 35 kilos de pataca, 14 ducias de ovos, 5 kilos de cebolas, 5 quilos de pimentos, ademais de touciño e chourizo e que será repartida de balde entre os asistentes á festa. Tamén será premiada a merenda máis numerosa.
A música poñerana no segundo día o grupo folk e de música tradicional Os Minhotos e a tradicional verbena correrá a cargo das orquestras Colores e Blanca Doble. Pola tarde haberá xogos tradicionais para menos e maiores e un espectáculo de clown e escapismo para todos os públicos a cargo de Natalia Outeiro, unha das máis destacadas representantes do Novo Circo galego e integrante de compañías de teatro como Chévere ou Pista Catro. Pola noite, pecharáse o San Caetano, como xa é tradición, con verbena, baile do farolillo e unha grande chocolatada.
RESTAURACIÓN DUN RETÁBULO DO SÉCULO XVII, UNHA DAS XOIAS DO BARROCO DA COMARCA
O San Caetano 2009 vén ademais precedido pola realización de importantes obras no entorno da capela e pola restauración dos retábulos interiores, tres pezas do século XVII de importante valor histórico-artístico, tres retábulos únicos na zona e que representan unha das xoias do barroco na comarca. Os traballos de restauración duraron todo un ano e a súa apertura para a visita do público coincidirá coa misa solemne na capela o segundo día da romaría, o sábado 22 ás 13:00 horas.
As obras foron impulsadas pola asociación veciñal e cultural, a Irmandade San Caetano, que organiza tamén a festa e que pretende pular pola recuperación dun entorno que estivo nos últimos anos envolto nun longo litixio xudicial. O obxectivo é agora a recuperación da capela, do século XVII, despois de que a Audiencia Provincial de Lugo outorgara de novo a titularidade aos veciños. Este ano os organizadores agardan ademais unha importante afluencia de xente nunha das citas do verán na comarca da Mariña que está a consolidar o seu carácter festeiro e innovador.