O edil nacionalista explicou que “hai uns días recibimos unha notificación por parte de SOGAMA, coma todos os concellos de Galicia, de que a partires do 1 de setembro, a empresa ía deixar de recoller os voluminosos. O Concello de Ribadeo dirixiuse á Consellería de Medio Ambiente para ver se tiñan algunha saída ou alternativa, e o único que nos din é que hai duas empresas que se adican a recoller este tipo de residuos. Pero, o que pasa é que nos atopamos con que o custe que imos ter que pagar por recoller os sofás, colchóns, tresillos… todo este tipo de voluminosos, resulta que se vai triplicar. Se estábamos pagando 54,10 euros por cada tonelada, agora imos ter que pagar 149 euros, segundo un convenio asinado entre Medio Ambiente e a empresa que está autorizada para xestionar este tipo de residuos”.
Horacio Cupeiro entende “como concelleiro de Medio Ambiente que lóxicamente este custe para o Concello é excesivo e si se nos continúan poñendo aos concellos de Galicia máis cargas financeiras das que xa temos, chegará un momento no que non imos poder pagalas”. O incremento do custe do servizo para o Concello de Ribadeo suporá tamén unha suba do imposto correspondente para todos os veciños, desboten ou non voluminosos. O edil nacionalista sinala que “algúns dos veciños, que están cobrando ao mellor unha pensión relativamente baixa e que non se desfán de voluminosos, van ter que pagar igual que alguén que ao mellor cambie dous ou tres colchóns ao ano. Entón, eu polo menos entendo que non debe ser así, unha persoa que ten moi poucos recursos e non pode gastar cartos en cambiar o colchón ou o tresillo cada pouco tempo non ten porque pagar por alguén que o cambia con frecuencia”.
Cupeiro engadiu que “dende a miña Delegación, posta en contacto coa Consellería de Medio Ambiente, anímoos a que se faga como se fixo co sistema integrado de xestión de neumáticos fóra de uso ou como se fixo cos rais, que se faga tamén un sistema integrado de xestión para voluminosos porque deste xeito pagaría a persoa que realmente ten poder adquisitivo cando compra o sillón ou o sofá e non aquelas persoas ás que lles imos ter que subir o imposto, que non xeraron o gasto porque non cambiaron o colchón. Acabarán pagándolles a xestión aquelas persoas que non usan o servizo a aquelas que o empregan con abuso. Ésta é a postura que está defendendo o Concello de Ribadeo e espero que así o fagan o resto dos concellos co ánimo de que se solicite ao goberno central a creación do sistema integrado de xestión correspondente aos voluminosos”.