O alcalde engade que “tamén nos atopamos con que hai agora mesmo máis de 50 cadros para os que non había sitio, por iso nos pareceu máis lóxico cederllos ás asociacións de Ribadeo que teñan ou estean a punto de ter uns locais axeitados para poder exhibir estas obras de arte”. Suárez Barcia explica que “o período de cesión en depósito vai ser por un máximo de dez anos para posibilitar que o Concello teña tempo dabondo de fornecerse de novos fondos e que poida nun momento dado renovar obras deses locais ou facer intercambios entre uns e outros. E hoxe representantes de 18 asociacións recibiron un lote de cadros dos que deben facerse cargo porque seguen sendo un ben de todos xa que forman parte do inventario municipal, pero en definitiva o espíritu desta idea é achegar a arte, neste caso a pintura, a todos os recunchos do noso concello”.