BURELA (FNC).- O Concello de Burela comezou nas últimas horas a instalación de barreiras de seguridade para os motoristas nos gardarraís na estrada municipal que vai desde A Casilla ata o límite co concello de Cervo. Segundo explica o edil de Obras, Pascual Doménech, “esta actuación responde a unha petición do Motoclube Os Centolos, de dotar tanto a este tramo como á estrada de A Marosa das correspondentes proteccións que minimicen no máximo posible os riscos das caídas de moto. As medidas estanse acometendo no tramo considerado máis perigoso, logo das probas realizadas con integrantes do citado Motoclube”.
O concelleiro socialista engade que “este método de protección debe instalarse en carreteras interurbanas con limitación de velocidade superior aos 60 km/h cando existan obstáculos ou desniveis próximos ao borde da calzada, ou tamén, e éste é o caso deste tramo municipal, cando se xustifique a súa perigosidade e susceptible siniestralidade, con velocidade inferior a 60 km/h. A instalación percorre un tramo de 300 metros, acoplada sobre soportes metálicos xa existentes, co que aumentará a seguridade dos condutores”.
Pascual Doménech asegura que “tamén se están a facer as xestións oportunas ante a Deputación de Lugo para a súa instalación na estrada de A Marosa (no tramo que discorre entre a Avenida da Mariña e a praia de A Marosa), co que o Concello dará un cambio radical nas circunstancias que había en canto á seguridade dos condutores destes vehículos. A redución e diminución do número de accidentes, é labor de todos, do Concello como administración, así como da prudencia á hora de conducir tanto dos motoristas como dos condutores”.
O concelleiro de Obras e Servizos suliña que “esta actuación pretende dar resposta a unha reivindicación dos usuarios deste medio de transporte ante as diferentes administracións. Con esta decisión, e co apoio da Deputación de estender os protectores a todos os gardarraís no termo municipal, Burela confirma a súa aposta para que a moto sexa un medio de transporte seguro e eficaz para moverse polo Concello. Estamos convencidos de que a moto constitúe unha opción de mobilidade, pois permite o máximo aproveitamento do espazo público e ten un reducido impacto sobre o medio ambiente”.