Site icon Crónica3.com A Mariña

O centro ambiental Gaia realizará unha actividade de limpeza na praia de A Marosa en Burela

BURELA (FNC) .- O Centro de Educación Ambiental Gaia do Concello de Burela continúa coas actividades para nenos programadas para este verán durante todo o mes de agosto, así o anunciou a concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza.

A edil socialista explicou que “agora que comezamos o mes de agosto quero facer un recordatorio das actividades que se veñen desenvolvendo dende o 15 de xullo co Centro de Educación Ambiental Gaia. Estas actividades van durar todo o mes de agosto ata o día 31. En primeiro lugar, os luns, martes e mércores, as dúas monitoras realizan obradoiros nos que están a participar 75 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Nestas clases desenvolven actividades moi variadas: animación á lectura, talleres creativos, globoflexia, obradoiros de barro, traballos con materiais de refugallo, xogos de animación ao aire libre e unha actividade que leva por título O vento e as cometas”.

Lucía Bouza sinalou que “os xoves, por outra banda, en horario de 10.00 a 13.30, para nenos e nenas de 4º,5º e 6º de primaria, realízanse actividades ao aire libre como xogos de auga, xogos de animación, talleres de escaiola e de reciclaxe e roteiros medioambientais polo noso concello: a ruta das fontes, a ruta dos castiñeiros, o roteiro costeiro e o roteiro natural. Por exemplo,  o xoves día 23 de xullo realizaron unha visita ao barco museo boniteiro Reina del Carmen e á lancha de salvamento marítimo con base no peirao de Burela e o xoves 30, visitaron antigos castiñeiros centenarios da Vila do Medio. Esta semana, o vindeiro xoves 6 de agosto, farán unha actividade de limpeza na praia da Marosa coa axuda do material do equipo de limpeza e visitarán a biblioteca ao aire libre instalada nas inmediacións da praia”.

Bouza engadiu que  “os venres tamén están adicados a actividades ao aire libre, en horario de 10.00 a 13.30, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Para participar, os menores de 10 anos deben ir acompañados dun adulto ou titor. Un exemplo desta actividades é a que se desenvolveu o pasado venres día 31, consistente nun roteiro para coñecer as diversas fontes de Burela e tamén para concienciar da importancia que ten o aforro de auga. Por último, quero recordar que estas actividades se van desenvolver durante todo o mes de agosto e animo a todo aquel que queira ter mais información a que se dirixa ó Concello de Burela”.

Exit mobile version