Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG rexeita a subida de impostos e taxas aprobada polo goberno de Cervo no plan de saneamento do Concello

Nota de Prensa

OS NACIONALISTAS REXEITAN A SUBIDA DE IMPOSTOS E TAXAS MUNICIPAIS APROBADA POLO GOBERNO LOCAL NO PLAN DE SANEAMENTO ECONÓMICO-FINANCIEIRO DO CONCELLO
Non se pode facer pagar aos veciños a mala xestión económica do PP dos últimos anos
No Plan de Saneamento inclúese a subida de impostos e taxas municipais e posibilidade de creación de outros novos.
Cervo, 3 de agosto 2009. O BNG criticou a desproporcionada subida de impostos e taxas municipais e a posibilidade de creación de outros novos, de acordo co Plan de Saneamento aprobado en solitario polo goberno local; o PP ademais de ser incoherente co seu discurso oficial, está facendo pagar aos veciños os pratos rotos da súa mala xestión económica, que levou ao goberno local a dilapidar o diñeiro público durante a época de vacas gordas da construción, no canto de amortizar a débeda pendente. Ademais critican que o goberno local aprobara un orzamento para 2009 que contempla o mesmo montante económico para órganos de goberno que no período 2007-2008, a pesar de contar cunha dedicación exclusiva menos.
SUBIDAS DE TAXAS E IMPOSTOS SEN TER EN CONTA NIGÚN CRITERIO SOCIAL EN ÉPOCA DE CRISE
O Consello Local do BNG valorou negativamente “a subida sen criterio de taxas e impostos municipais, ademais da posibilidade de creación doutros novos”, aprobada polo goberno local no último pleno para incluír no Plan de Saneamento Económico-Financieiro presentado para acceder ás axudas do Decreto Lei 5/2009 aprobado polo goberno do Estado. De acordo con este plan, vaise poñer en práctica a reforma das ordenanzas fiscais do I.B.I. cun aumento na recadación no ano 2009 de 252.000 €; do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, con subidas lineais até o máximo legal permitido; ademais estudarase a creación da Ordenanza sobre o Valor do Terreos de Natureza Urbana. Nas taxas por prestación de servizos, aplicarase o 100% do seu custe; na taxa polo servizo de Saneamento regulada pola Ordenanza Fiscal nº 8, prevese un aumento na recadación para 2009 de 40.000 €. No apartado de impostos Indirectos estúdase incrementar o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras para que pase do actual 2% ao 4%. No cómputo global existe unha previsión de aumento da liquidación para o exercizo 2009 en relación a 2008, en Impostos Directos do 16.09%, en Impostos Indirectos do 2% e en Taxas e outros ingresos non afectados do 41.03%. Dende o BNG “non compartimos esta subida, moi por encima da do IPC e moito menos en época de crise, despois de que o goberno municipal dilapidara importantes cantidades de fondos públicos en obras superfluas, no lugar de utilizar eses fondos en  infraestruturas necesarias e en amortizar a débeda pendente”.
OS GASTOS EN ÓRGANOS DE GOBERNO SEGUEN ESTANDO MOI POR ENCIMA DAS NECESIDADES DO CONCELLO
Os nacionalistas criticaron o mantemento do gasto do grupo de goberno aprobado no orzamento municipal para 2009 por importe de 138.000 €, “só 2.000 € menos que no último orzamento aprobado, a pesar de ter unha dedicación exclusiva menos”. “Non é de recibo que mentres se aplica aos cidadáns en época de crise, unha suba tan elevada de impostos, o grupo de goberno teña para atencións representativas, dietas, gastos diversos e outros, mais de 50.000 € para o ano 2009”, aos que hai que sumar os salarios de tres dedicacións e teléfonos móbiles a cargo do erario público. “Unha parte deses 50.000 euros estarían mellor empregados no mantemento do modelo de gratuidade de libros de texto, que existía no concello de Cervo, antes da aprobación do anterior bipartito da Xunta dun sistema similar” dixo o BNG.

Exit mobile version