NOTA DE PRENSA
As declaracións que veñen de facer públicas os responsábeis da Consellaría de Traballo e Benestar onde xustifican as razóns polas que este departamento da Xunta non ten previsto proceder a apertura da Escola Infantil de Foz non son máis que unhas escusas de mal pagador que a súa vez evidencian a mala fe coa que actúan en relación co centro de Foz.
A Xunta de Galiza falta a verdade cando afirma que existe un problema orzamentario para proceder a abrir o centro de Foz senón como explican que veñen de gastar case 3 millóns de Euros en cambiar a sinaléctica e toda a imaxe corporativa dos centros deste tipo que actualmente existen en Galiza. O problema está que a escolarización para os menores de tres anos e a defensa dos servizos públicos non é unha prioridade para os actuais rexedores da Xunta. Para o PP os nenos e os maiores non son máis que un negocio.
Asemade volta a mentir o Goberno da Xunta cando sitúa o problema na afirmación de que non hai equipamento para o centro do Bahia cando este é un gasto menor e o que leva máis tempo é o proceso de selección de persoal para traballar no centro e a proclamación da lista definitiva de nenos e nenas admitidos unha vez que cos reservas xa realizadas supéranse as 60 prazas que se ofertaban na escola infantil do Bahia.
O Bloque Nacionalista Galego considera que a Consellaría de Traballo e Benestar non ten o maior interese en desenvolver a rede pública de escolas infantís e nese contexto e onde hai que explicar a decisión referida ao centros de Foz. Xa que logo o BNG vai solicitar do Goberno Local unha Xunta de Portavoces a fin de demandar unha entrevista coa Conselleira de Traballo e Benestar para que poña riba da mesa prazos reais e explique a situación. Na mesma liña demandamos do PP de Foz un posicionamento claro a fin de que este lle explique aos veciños de Foz se lle parece ben que o centro permaneza fechado e no caso contrario se posicione con claridade esixindo a apertura inmediata da escola Infantil do Bahia.
Os nacionalistas consideramos que a decisión do PP en relación co Escola Infantil do Bahia significa a volta a vella medicina coa que este Partido actuou en relación con Foz negándolle o pan e o sal e privándoo de servizos públicos. Non é novo o caso que nos ocupa, chove sobre mollado, no camiño que se iniciou coa negativa de dotar a Foz de urxencias e que a hora continua con este ataque aos nosos nenos. Saiban os responsábeis autonómicos que os veciños de Foz nin agochamos a cabeza nin estamos dispostos a que se nos trate como cidadáns de segunda.