Barreiros, 28 de agosto de 2009.- O BNG de Barreiros critica ao alcalde, Alfonso Fuente, por non ter convocado o pleno ordinario que tiña que terse celebrado o pasado mes de xullo. Antonio Veiga asegura que “no Concello de Barreiros normalmente ocorren cousas anómalas, unha delas é por exemplo a non convocatoria de pleno que correspondía celebrar o 27 de xullo, o pleno ordinario dese día foi cambiado sine die, porque non voltamos a ter comunicación ningunha por parte do Concello de si se ía celebrar ou non. Os argumentos esgrimidos pola alcaldía eran que nese momento non había secretaría porque estaba de baixa, pero nós entendemos que hai medios para dotarse dun secretario concretamente dende a Área de Asistencia Xurídica e Cooperación cos Concellos da Deputación e sí se pode contar cun secretario para que dese fé dese pleno”.
O grupo municipal do BNG entende que “non é un problema técnico a cuestión pola que non hai pleno en Barreiros, nós cremos que por parte do grupo de goberno non apetece ir aos plenos, non apetece debatir temas importantes. Durante todo o verán Barreiros ten unha actividade importante, hai problemas que hai que solventar aos veciños e a alcaldía non sempre os solventa e hai temas que hai que analizar entre tódolos grupos da Corporación. Polo tanto con esta actitude estase a coartar a participación dos membros da oposición e a coartar tamén a participación de todos os veciños, pois nós somos os representantes deles”.
Veiga Outeiro lembra que “o BNG tiña dúas ou tres mocións para debatir. Considerábamos que era importante unha moción na que instábamos á Xunta para que esa promesa electoral do PP de crear un centro de día se cumprira e para saber en qué estado estaban esas negociacións. Eso do que fixo o PP tanta campaña nas pasadas eleccións autonómicas de que cada concello ía ter un centro de día era unha vella reivindicación do BNG e polo tanto queríamos debatir eso, queríamos que dende a alcaldía se nos explicara cal era o estado das xestións coa Xunta para que todos os nosos maiores puideran dispor dese centro”.
Os nacionalistas engaden que “tiñamos outra moción relacionada coa autovía, cos accesos á autovía. Nós vemos que tódolos días o alcalde sae na prensa sempre criticando, sempre achacándolle os problemas a outras institucións en temas relacionados cos accesos á autovía. Nós tiñamos unha moción para debatir e polo tanto o que lle pedimos é que se convoque ese pleno canto antes porque se non teríamonos que ir ao pleno ordinario de finais do mes de setembro e se seguimos na mesma tesitura ao mellor esa sesión tampouco se celebra. Ademáis hai outros temas importantes como poden ser a estación depuradora de augas residuais, algo que vén ralentizando o Concello dende hai anos, xa co goberno bipartito. Hai preocupación entre os usuarios do polígono e entre os veciños do barrio da Espiñeira con este asunto, por iso decimos que todos estes temas hai que falalos na mesa de plenos que é onde están representados todos os veciños e onde podemos chegar a acordos para solucionarlles os problemas que sofren en Barreiros. Dende o BNG entendemos que na prensa non se solucionan os problemas, onde ten que dar respostas o alcalde e rendir contas á Corporación é no salón de plenos”.