Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros interesase pola apertura de piscinas, pista polideportiva e un parque infantil en San Cosme

Nota de Prensa

O BNG DE BARREIROS PREGUNTARÁ NO PRÓXIMO PLENO SOBRE AS CONDICIÓNS LEGAIS NAS QUE SE ABRIRON ESTE VERÁN UNHAS PISCINAS, UNHA PISTA POLIDEPORTIVA E UN PARQUE INFANTIL NUNHA URBANIZACIÓN DE SAN COSME. VARIOS VECIÑOS CUESTIONAN A LEGALIDADE  DE DITAS INSTALACIÓNS.

Barreiros, 8 de agosto de 2009. O BNG de Barreiros preguntará no vindeiro pleno sobre as condicións legais nas que foron abertas este verán unhas piscinas, unha pista polideportiva e un parque infantil nunha urbanización de San Cosme. Varios veciños de dita urbanización cuestionan a legalidade desas instalacións. Os nacionalistas aseguran que “vistas as demandas presentadas no Concello por varios veciños propietarios de apartamentos  nunha urbanización próxima á praia de Altar, nas que alertan do perigo que supón abrir unhas piscinas sobre as que existen serias dudas sobre a súa legalidade, o BNG de Barreiros pon outra vez enriba da mesa a situación de descontrol propiciada polo grupo de goberno do Partido Popular que provocou situacións coma esta”.

“Cando a cotío se está a falar da inseguridade xurídica que rodea ao mundo da promoción e da construcción, non se fala para nada da inseguridade xurídica na que se encontran por exemplo agora os cidadáns que pagaron o seu apartamento e non poden usar as instalacións da urbanización con total garantía e seguridade, debido á falla de control e rigor do Concello de Barreiros nos últimos anos”  afirman desde o BNG barreirense.

Os nacionalistas de Barreiros lembran tamén a polémica na que se viu inmersa esta urbanización, “xa que recibiu a licencia de primeira ocupación nin mais menos que tres anos despois de realizaren a escritura dos apartamentos os clientes”. Desde o BNG sinalan que “resultan moi chamativos diversos feitos que aconteceron con estas piscinas, pois logo de estar rematadas foron cubertas con terras e prantas simulando un xardín, a principios do 2008, e foron descubertas e postas en funcionamento neste verán de 2009”.

Para o BNG, “a alcaldía é coñecedora deste asunto, pois leva tempo recibindo queixas e solicitudes de información ao respecto por parte dos veciños afectados, sin que polo momento lles dera resposta algunha”. O Bloque esixe “o esclarecemento de todos estes feitos, polo que solicitan que no próximo pleno se dea conta da situación legal desta urbanización e das súas instalacións a toda a Corporación, e se dea tamén resposta aos veciños afectados”.

Desde o BNG tamén reclaman “a celebración deste pleno coa máxima urxencia, pleno que tería que ser extraordinario, despois da suspensión (sin comunicarlle nada aos portavoces) do ordinario do pasado 27 de xullo. E ademáis deste punto existen pendientes para o seu debate, varios asuntos propostos polo grupo municipal do BNG”.

Exit mobile version