Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela fai un balance moi positivo de Produart e da Feira do Bonito

BURELA (FNC) .- A XXV Feira do Bonito e a VII feira Produart, celebradas esta fin de semana no Concello de Burela, acadaron uns resultados moi positivos chegando á venda de 3.500 racións de pexie e á visita de 10.000 persoas, respectivamente. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amosou a súa satisfacción ante o éxito obtido, destacou a calidade e a atención ofrecida ós visitantes e agradeceu a súa colaboración a todas aquelas persoas que traballaron en ambos eventos para que todo saira adiante como se esperaba.

Llano explicou esta mañá que “foi realmente unha fin de semana moi positiva para Burela. Comezamos o día 31 coa apertura da VII edición de Produart e seguimos coa XXV Feira do Bonito que tivo lugar o sábado día 1. Polas dúas feiras circulou moitísima xente, ofreceuse unha calidade extraordinaria e houbo unha boa atención para todo o mundo que se quixo achegar a Burela. Temos contabilizado de momento, xa que nos falta facer o balance final, que se venderon máis de 3.500 racións de bonito e que pasaron por Produart aproximadamente 10.000 persoas. Esto vén indicar que houbo moitísima xente, que houbo moito interese en participar e en ser protagonista destes dous eventos e creo que eso é unha grande nova para todos nós e para Burela porque dalgún xeito creo que saímos todos beneficiados”.

O rexedor sinalou que “en Produart houbo 69 expositores e case todos saíron convencidos de que van volver para o ano que vén. Na Feira do Bonito, aínda que ameazou pola mañá moitísimo a chuvia, realmente foi extraordinario ver como a xente seguía a traballar, tendo a fé que hai que ter nestes casos, para preparar as racións”.

Alfredo Llano engadiu que “todos os voluntarios que participaron nesta nova edición da Feira do Bonito deben recibir o meu agradecemento porque gracias a eles conseguimos quedar moi ben, non a nivel só de Burela senón tamén de Galicia, xa que son dúas feiras que teñen carácter autonómico e incluso nacional e internacional. Noraboa a todos aqueles que contribuiron a que estes dous eventos foran un éxito e dende logo, dicir que aquí estamos para que o ano que vén sigan medrando e teñan os efectos positivos que deben ter na nosa comarca”.

Exit mobile version